Instituto Galego de EstadisticaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria valora positivamente a información do Instituto Nacional de Estadística (INE) relativa á lingua galega que hoxe publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) no seu web www.ige.eu. Trátase de datos sobre coñecemento e uso do galego extraídos do Censo de Poboación e Vivendas do INE, que revela que un 89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria. Esta porcentaxe obtense da suma de quen o usa en exclusiva (un importante 43,8%) e quen o usa a carón do castelán (45,3%) e supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001.

Uso e coñecemento do galego

A comparación dos datos do 2011 coa mesma fonte do ano 2001 revela un aumento das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas cooficiais de Galicia. Así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores.

En canto aos datos de coñecemento da lingua propia de Galicia, revelan, en liña con outros estudos previos, que a comprensión do galego é case universal (98,6%) e que máis do 90% da poboación (90,8%) se encontra a si mesma capacitada para falalo. A pesar do incremento considerable da inmigración que se produciu entre os anos 2001 e 2011 (con 77410 persoas estranxeiras máis), a porcentaxe de poboación que declara saber falar o galego mantense practicamente nas mesmas porcentaxes neste período.