Turismo de Galicia inviste preto de 500.000 euros en Ourense para mellorar a accesibilidade e sinalización de recursos turístcicos no medio rural

image_gallery (2)O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, deu conta esta mañá nunha rolda de prensa da liña de subvencións para os concellos destinada ao fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan Integral de Turismo, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

Aínda que a orde de convocatoria saíu publicada tempo atrás, recentemente ampliouse a dotación orzamentaria, ascendendo a un total global de dous millóns de euros. Así, na provincia de Ourense levaranse a cabo actuacións en 27 concellos por un importe de preto de 500.000 euros, o que supón case un 25 por cento do total para Galicia.

Rogelio Martínez destacou que “o obxectivo principal é dotar ao medio rural das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos”. A importancia destas axudas radica en que “o turismo constitúe un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais xa que crea emprego e aumenta a súa atracción global”, engadiu o delegado.

Na comarca do Ribeiro, nos municipios de Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Ribadavia e Melón, estanse a acometer melloras por un importe de preto de 100.000 euros; nos concellos de Verín, Cualedro e Oímbra alcanzan as axudas ascenden a 81.000 euros; na comarca da Baixa Limia, as entidades locais beneficiarias son Muíños e Bande que obteñen máis de 57.000 euros para labores de acondicionamento; e case 48.000 euros correspóndenlle á comarca de Terras de Caldelas. Cabe destacar o concello de A Veiga, cunha subvención de 42.500 euros.

Así, estes municipios poderán levar a cabo a construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción, rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e a dotación de equipamentos das referidas instalacións, a rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, así como a sinalización, información visual e información táctil.

O máximo representante da Xunta en Ourense lembrou que “o medio rural constitúe na actualidade un gran atractivo turístico para a nosa comunidade e por isto temos o compromiso de traballar no seu impulso e potenciación”.

También te podría gustar...