Sober demanda o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren

  • O Pleno do Concello de Sober acorda demandar o restablecemento do servizo ferroviario da zona sur de Lugo
  • Esixen ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria que padece a nosa Comunidade, en xeral, e en especial, a zona sur da provincia de Lugo

A Corporación de Sober aprobou onte unha iniciativa no Pleno para esixir ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria que padece a nosa Comunidade, en xeral, e en especial, a zona sur da provincia de Lugo. 

Así, demandan o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren que foron suprimidos, nomeadamente, a restitución e mesmo ampliación de frecuencias entre Lugo-Monforte-Ourense e con outros puntos de España como Madrid e Barcelona, entre outros.  

Tamén se pide o incremento do cadro de persoal de maquinistas e dotar do persoal necesario os servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.

A moción aprobada a iniciativa do equipo de Goberno solicita ademais retomar o compromiso adquirido polo Goberno de Mariano Rajoy, sendo ministro Íñigo de la Serna, para a modernización da liña entre Lugo e Ourense que achegue aos cidadáns da provincia as vantaxes da alta velocidade. A tal efecto, recuperar a programación de actuacións e o cronograma que deixou encamiñado o Goberno do Partido Popular para a modernización e redución dos tempos de viaxe, coa axilización da execución das variantes de Canaval e Oural e a electrificación e mellora das vías.

O Goberno local avoga por un transporte público de calidade e pola mellora das infraestruturas que faciliten a mobilidade das persoas. Denuncian que nos últimos anos vén sendo obxecto dunha continua redución e supresión de servizos por parte do Goberno central. Esta precaria situación do transporte ferroviario en Galicia é máis extrema, se cabe, na Zona Sur da provincia de Lugo, onde Monforte de Lemos, que fora un dos nós ferroviarios de relevancia e referencia nacional, acabouse convertendo pouco máis que nun apeadeiro. 

De feito, dos 29 trens suprimidos por Renfe en Galicia, 22 afectan directamente á estación de Monforte de Lemos.

Un servizo público esencial

O equipo de Goberno explica que, de ningunha maneira, a situación xerada pola covid-19 pode ser utilizada como escusa polo Goberno para eliminar servizos ferroviarios na nosa Comunidade e privar aos galegos dun servizo público esencial. Tendo en conta, ademais, os graves prexuízos que supón a para a economía local dunha comarca e dunha zona, a Ribeira Sacra, que está traballando arreo para ser declarada Patrimonio da Humanidade.

“Consideramos que a discriminación ferroviaria á que o Goberno central está sometendo esta zona limita o desenvolvemento que levará aparellada esta distinción na potenciación da riqueza ambiental, paisaxística e turística da comarca”, conclúen.

A iniciativa contou cos votos a favor do equipo de Goberno e a abstención do PSOE e AGROMA.

También te podría gustar...