• O paciente está a ser trasladado á unidade de referencia para este tipo de casos no Hospital Meixoeiro, en Vigo

Na tarde de onte recibiuse un paciente proveniente do seu domicilio no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Esa mesma tarde, unha vez triado e atendido, tras comprobar que cumpría criterios epidemiolóxicos e clínicos compatibles con infección polo virus do ébola activouse o protocolo de actuación nestes casos.

Foto: Archivo

Foto: Archivo

Os protocolos xa están activados e o Sergas está en coordinación e comunicación permanente co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Ao hospital desprazáronse responsables de Saúde Pública para, conxuntamente co equipo do centro, servizo de Medicina Preventiva, Dirección, Infecciosos, Microbioloxía e servizo de Urxencias, abordar a sospeita epidemiolóxica.

Seguindo os protocolos se tomaron as mostras necesarias para confirmar ou descartar unha infección polo virus do Ébola, que foron enviadas para a súa análise no Centro Nacional de Microbiología en Madrid. Previsiblemente os resultados estarán dispoñibles nas próximas horas.

Posteriormente e seguindo o que marcan os protocolos, o paciente está a ser trasladado esta mañá, nun dispositivo especial do 061, ao centro de referencia para os casos de sospeita de posibles infección polo virus do Ébola en Galicia, no Hospital Meixoeiro de Vigo.

En caso de confirmarse a sospeita, levarase a cabo o traslado dende o centro vigués a un dos hospitais que se fixaron no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde como unidade de referencia para o tratamento de casos confirmados.

Hoxe, mércores 28 de outubro, comparecerán ás 11h da mañá no Hospital Meixoeiro Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, e Víctor del Campo, xefe de servizo de Medicina Preventiva do CHUVI.

A Consellería de Sanidade e a Dirección Xeral de Saúde Pública agradecen aos profesionais tanto do CHUAC como do CHUVI a súa xenerosidade e imprescindible colaboración, así como aos seus correspondentes equipos directivos, grazas aos cales é posible manter a alta calidade asistencial.