Ribeira termal, o obradoiro que forma e ofrece un posto de traballo a 23 desempregados

Xunta e Concello colaboran no obradoiro “Ribeira termal” que forma e ofrece un posto de traballo a 23 desempregados da capital ourensá.

  • A delegada territorial da Xunta e o alcalde da cidade das Burgas visitaron esta iniciativa de emprego que conta cun investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 205.000 euros
  • A zona de actuación deste obradoiro de emprego é a ruta termal do río Miño e execútanse traballos de xardinería, albanelería e carpintería
  • Marisol Díaz Mouteira lembra o esforzo que a Administración autonómica vén realizando nos últimos anos para realizar na capital ourensá distintas accións formativas e de emprego que teñen como obxectivo a inserción e reinserción laboral dos seus veciños desempregados
  • No seu primeiro encontro institucional, Díaz Mouteira e Vázquez Abad amosan a súa vontade de colaboración e diálogo nos proxectos que abranguen ao concello de Ourense

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o obradoiro de emprego “Ribeira Termal” que se está a desenvolver na cidade das Burgas e que conta con 23 alumnos, persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego da capital. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 6 persoas do concello ourensán que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxina unha formación teórico-práctica de xardinería, albanelería e xardinería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Xunta de preto de 205.000 euros.

Na visita, Díaz Mouteira estivo acompañada do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Tomás Paz.

A delegada territorial da Xunta e o alcalde da cidade das Burgas visitaron esta iniciativa de emprego

A delegada territorial da Xunta e o alcalde da cidade das Burgas visitaron esta iniciativa de emprego

Os alumnos, ao longo dos 6 meses que dura esta iniciativa, realizarán traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verde relacionadas coa xardinería, albanelería e carpintería, os tres módulos impartidos neste obradoiro de emprego. A zona de actuación escollida foi a ruta termal do río Miño e así, a través deste programa, o Concello executará melloras nas distintas zonas termais emprazadas ao longo do Miño ao seu paso pola capital ourensá: A Chavasqueira, o Muíño das Veigas, Outariz, e o tramo do Tinteiro e o paseo roxo.

A delegada territorial subliñou as vantaxes que ofrecen estes programas mixtos de emprego e indicou que “favorecen o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórico e práctica de calidade, certificada e adecuada ao mercado laboral, e por último, permiten a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade”.

Marisol Díaz Mouteira indicou que tanto el coma o alcalde son conscientes de “é necesario apostar por accións formativas e de emprego para mellorar a empregabilidade dos veciños da capital”.

A máxima representante do Goberno galego en Ourense lembrou, nesta liña, o esforzo que a Administración autonómica veu realizando nos últimos anos para mellorar a empregabilidade no concello da cidade, cunha achega que, segundo destacou, supera o millón e medio de euros. Concretou que estes investimentos se destinaron a programas de cooperación, cursos AFD, programas integrados de emprego e a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

15 obradoiros e 2,6 millóns de euros
Dende o mes de setembro se están a desenvolver na provincia de Ourense 12 obradoiros de emprego dirixidos a maiores de 18 anos nos que se agrupan 43 concellos e que benefician a un total de 300 persoas desempregadas, entre alumnos e alumnas e persoal directivo, docente e administrativo. O departamento autonómico de Economía, Emprego e Industria destina a estes programas preto de 2,2 millóns de euros. “Este esforzo enmárcase na aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral”, apuntou Marisol Díaz Mouteira.

Ademais, a Xunta convocou este ano por primeira vez unha Orde para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil. Ao abeiro desta Orde, na provincia ourensá están en marcha 3 programas mixtos de formación e emprego que benefician a 63 persoas e contan cun financiamento de máis de 410.000 euros.

En total, Ourense conta con 15 obradoiros que forman e ofrecen un posto de traballo a máis de 360 persoas cunha achega da Administración autonómica que supera os 2,6 millóns de euros.

Colaboración e diálogo institucional
Anteriormente á visita do obradoiro, Marisol Díaz e o alcalde ourensán mantiveron o seu primeiro encontro institucional no que afondaron nas necesidades do concello. Ambos representantes amosaron a súa vontade de seguir traballando para poder rematar os proxectos que xa están en execución na cidade e tamén asumir novos compromisos, sempre desde o diálogo e a cooperación entre Administracións.

Esta xuntanza forma parte da rolda de encontros que a delegada territorial vai manter durante estas semanas cos 92 alcaldes ourensáns para coñecer de primeira man as prioridades de actuación da Administración autonómica nos concellos da provincia.

También te podría gustar...