• A Xunta remata as obras de reparación da cuberta do xulgado de Xinzo de Limia
  • A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza investiu máis de 32.000 euros
  • A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira supervisou esta actuación e tamén coñeceu o funcionamento da caldeira de biomasa que permitirá aforrar un 50% en gasto de combustible
Marisol Díaz Mouteira visitou esta mañá o edificio do xulgado de Xinzo de Limia

Marisol Díaz Mouteira visitou esta mañá o edificio do xulgado de Xinzo de Limia

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o edificio do xulgado de Xinzo de Limia, onde puido comprobar de primeira man as actuacións de mellora realizadas recentemente no inmoble, ao abeiro do Plan de Infraestruturas Xudiciais da Vicepresidencia. A Xunta de Galicia investiu máis de 32.000 euros nas obras de reparación do tellado deste edificio xudicial.

A actuación, executada co obxectivo de atallar o deterioro da anterior cuberta e as conseguintes humidades, consistiu na substitución da cuberta de chapa sinxela e a de fibrocemento por unha nova con panel de illamento e canlóns.

Díaz Mouteira lembrou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais non só contempla a construción de edificios xudiciais de nova planta ou grandes obras de rehabilitación, senón que tamén programa unha serie de actuacións “menores” en xulgados de toda a Comunidade, que teñan por obxecto mellorar o día a día dos traballadores e dos cidadáns que acoden a eles.

Ademais, a máxima representante da Xunta en Ourense coñeceu o óptimo funcionamento da caldeira de biomasa que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza instalou o pasado ano nesta sede xudicial, ao abeiro do programa do INEGA “Proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa 2015”. Este equipamento xa está en pleno funcionamento e supuxo un investimento de máis de 34.500 euros.

Co novo equipo de biomasa prevese un aforro en gasto de combustible en torno ao 50%, o que permitirá aforrar máis de 2.000 € anuais, ademais de contar cun sistema de calefacción máis moderno e eficiente que permitiu mellorar substancialmente o confort dos usuarios.

A delegada territorial apuntou que os edificios xudiciais son unha das primeiras responsabilidades do Goberno galego no eido xudicial, xa que para un correcto desempeño do labor xudicial cómpre contar cunhas infraestruturas axeitadas.

 

020316 Xulgado Xinzo