Preto de 19.000 escolares de Educación Infantil e Primaria comezaron o curso onte na provincia

100915 CEIP Manuel Acuña

 

Na xornada de onte comezou o curso nos ciclos de educación infantil e primaria para 18.888  alumnos e alumnas da provincia de Ourense.  A matriculación en infantil cífrase en 5.790 escolares, mentres que en educación primaria son 12.918 os matriculados na provincia. Cómpre destacar que ditos datos son provisionais e que varían ao longo do curso.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou un centro da capital, o CEIP Manuel Luis Acuña, e outro do rural, o CEIP da Merca, para comprobar que a volta ás aulas desenvolveuse con normalidade nos centros educativos da provincia.

Nestas visitas Rogelio Martínez percorreu as instalacións dos centros, acompañado polos respectivos directores; así como os equipos docentes dos colexios, a xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación, Mercedes Gallego, e os alcaldes correspondentes.

Educación Infantil

Segundo estimacións da Xunta de Galicia,  5.970 alumnos e alumnas comezan as clases nas aulas de educación infantil, o que supón un 2,3 % menos ca no curso 2014/2015. Por tipo de centros, indicar que 3.872 alumnos  están matriculados en centros públicos mentres que o resto cursarán en centros privados e concertados.

Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español diminuíu lixeiramente respecto do curso anterior. Así, mentres que no 2014/2015 a cifra era de 136 alumnos no actual curso é de 114.

Educación Primaria

Por outra banda as mesmas previsións que manexa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, indican que 12.918 alumnos e alumnas tamén comezaron as clases de educación primaria en Ourense, o que supón un 0,4% menos ca no curso 2014/2015. Desta cifra, 8.583 alumnos están matriculados en centros públicos, 4.224 en centros privados concertados e 11 en centros privados non concertados.

No caso da educación primaria o número de alumnos e alumnas sen nacionalidade española a diferenza respecto do ano paso é do 7,7%:

Hoxe tamén comezaron as clases os 128 alumnos matriculados en educación especial, dos que 82 optaron por centros públicos e os 46 restantes por centros privados con concerto.

O primeiro día de curso coincide comezo do funcionamento dos servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.

Obras

Rogelio Martínez destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da provincia de Ourense, que ano tras ano recibe axudas para realizar obras de mellora nos centros educativos. Os traballos executáronse durante as vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que puideran estar rematadas de cara ao inicio do novo curso escolar.

O Goberno galego investiu este ano 1.850.000 euros para realizar actuacións en 64 centros educativos ourensáns. Martínez engadiu que este ano, como novidade, a Deputación colabora na mellora dos centros educativos da provincia cunha partida de case 850.000 euros incluída dentro do Plan provincial de Obras e Servizos.