1 1 1 1 1 2015 Mb e Rally OU

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na presentación da 48ª edición do Rally de Ourense unha das probas automobilísticas máis importantes do calendario nacional, na que colabora a institución provincial e que se celebrará os días 12 e 13 de xuño percorrendo o Canón do Sil, San Pedro de Rocas, A Peroxa e Toén, nun total de 605 quilómetros, dos cales 210 corresponden a tramos cronometrados.

Na contorna termal das Burgas, onde tivo lugar o acto de presentación, Manuel Baltar destacou “o impacto mediático e de promoción turística que ten para a nosa provincia o Rally Ourense Termal, polo que supón de dinamización dos concellos polos que discorre a proba, integrados nesa Ribeira Sacra pola que estamos a traballar para conseguir a distinción de Patrimonio da Humanidade, un rally no que tamén estamos a falar de economía, de retorno, acreditado polo estudo realizado ao efecto no Campus de Ourense, que reflicte que nos días en que se desenvolve a proba xérase unha actividade económica importante”.

O presidente do goberno provincial subliñou que dende a Deputación “temos claro que hai que seguir apostando polo Rally de Ourense e recoñecemos o excelente traballo que realiza Escudería Ourense, acreditando esa experiencia de xestión sempre modélica”. A institución provincial –afirmou Baltar- acredita seu apoio a esta proba por medio dunha subvención nominativa específica que ten garantida para os próximos catro anos”.

Manuel Baltar felicitou aos organizadores “e ás máis de 500 persoas que altruistamente colaboran para que esta proba siga sendo un referente no mundo do motor, unha marca de identidade para o deporte de elite e tamén para a nosa provincia”, e rematou a súa intervención desexando “un éxito que xa está garantido” e que “afeccionados e deportistas gocen con esta senlleira proba”.

Manuel Baltar participou no acto de presentación xunto ao presidente de Escudería Ourense, Antonio Fernández; o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o secretario xeral para do Deporte, José Ramón Lete acompañados por membros da organización e outros representantes empresariais e institucionais.