Prazas dos Campamento Deportivo de Verán e do XV Campus de Fútbol de Monforte

  • O Concello de Monforte adxudica as prazas dos Campamento Deportivo de Verán e do XV Campus de Fútbol
  • En total foron 489 as preinscricións presentadas de xeito telemático. Tanto na primeira quenda do Campamento Deportivo como no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo se rexistraron máis solicitudes que prazas ofertadas o que obrigou a realizar un sorteo das mesmas
  • Dende hoxe martes 8 de xuño e ata o venres 18 de xuño, todas as persoas con praza adxudicada deberán formalizar a súa matrícula

 

O Concello de Monforte ven de adxudicar as prazas para participar tanto no Campamento Deportivo de Verán coma no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R. C. Celta de Vigo.

Foron un total de 489 as solicitudes de preinscrición que se rexistraron, para participar nalgunha das quendas do campamento ou no campus de fútbol, durante o período de preinscricións, que tivo lugar entre o 20 e o 31 de maio.

A distribución das solicitudes, segundo períodos de tempo ofertados polo Concello, foi a seguinte:

  • Preinscricións na 1ª quenda do Campamento Deportivo (do 1 ó 15 de xullo): 159 solicitudes.
  • Preinscricións na 2ª quenda do Campamento Deportivo (do 16 ó 30 de xullo): 138 solicitudes.
  • Preinscricións na 3ª quenda do Campamento Deportivo (do 2 ó 13 de agosto): 90 solicitudes.
  • Preinscrición no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo (do 2 ó 6 de agosto): 102 solicitudes.

Tanto na primeira quenda do Campamento Deportivo como no Campus de Fútbol se rexistraron máis solicitudes que prazas ofertadas o que obrigou a aplicar os criterios establecidos de reparto de prazas e a realizar un sorteo das mesmas.

O sorteo foi realizado o venres 4 de xuño ás 12:30 h na sala de xuntas do Concello de Monforte, e nel estiveron presentes o técnico municipal de deportes, Óscar Rodríguez, e Elisa Martínez, funcionaria do Concello de Monforte.

Na terceira quenda do campamento deportivo todas as persoas que realizaron a preinscrición  adquiriron a súa praza.

Prazos e formalización de matrícula

Dende hoxe martes 8 de xuño e ata o venres 18 de xuño, todas as persoas con praza adxudicada deberán formalizar a súa matrícula.

Para elo deberán presentar a seguinte documentación, ben nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude ou ben a través do correo electrónico deportes@concellodemonforte.com :

  • Instancia de matrícula.
  • De ser o caso, certificado de discapacidade no que quede constancia a non necesidade de axuda de terceira persoa.
  • No caso de familia numerosa, documentación acreditativa correspondente expedida polo órgano competente.
  • Fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a legal.
  • Fotocopia do DNI do/a menor ou libro de familia no caso de non ter DNI.
  • De ser o caso fotocopia do DNI da persoa/as autorizadas a recoller ó menor.
  • De ser o caso declaración responsable de que os dous proxenitores estean traballando na data de solicitude dos campamentos (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).
  • De ser o caso declaración responsable de pertenza a familia monoparental (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).

Para realizar o pago da matrícula, unha vez presentada a documentación requirida para a inscrición definitiva, enviaráselles, ao correo electrónico designado, a carta de pago correspondente coa inscrición. O pago poderano facer en Abanca, presentando a carta de pago, ou a través da pasarela de pagos habilitada na páxina web www.monfortedelemos.es. Tamén se poderá recoller a carta de pago nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude.

Tanto a lista de admitidos como as instancias de matrícula están colgadas para a súa descarga na sección de DEPORTES/ACTIVIDADES DEPORTIVAS da páxina web do Concello de Monforte www.monfortedelemos.es.

http://www.monfortedelemos.es/sites/default/files/pdf/articulos_deportes/ADXUDICACION_DE_PRAZAS_ACTIVIDADES_DE_VERAN_2021.pdf

O Alcalde, José Tomé Roca, valorou moi positivamente o éxito en canto ó número de solicitudes presentadas e agarda que todos os “nenos e nenas finalmente inscritos poidan disfrutar dunhas vacacións practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.

Do mesmo xeito, o rexedor municipal recordou que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas, ademais para ofrecer aos nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida, saudable e segura, pese á situación sanitaria derivada da Covid-19 na que seguimos inmersos”.