Por unha canle temática ‘Xabarín Club’

  • Campaña de sinaturas
  • A iniciativa parte da Mesa pola normalización lingüística
  • Busca aumentar os contidos en galego na RTVG para a cativada e a mocidade.
  • A Mesa Lemos convida a que veciñas e veciños do sur de Lugo asinen e colaboren na campaña

 

A coñecida asociación, referente galego na defensa da nosa lingua, pretende conseguir que a corporación RTVG aumente a oferta de contidos destinada aos máis cativos e á mocidade a través da creación dunha canle temática -Xabarín Club- con programación as 24 horas en galego.

Para conseguilo A MESA impulsa unha proposición parlamentaria por Iniciativa Popular, un mecanismo contemplado na lexislación que permite rexistrar unha proposta para ser asumida por algún dos grupos parlamentarios e debatida despois no Parlamento sempre que se reúnan un mínimo de 2.500 sinaturas.

A asociación recolle nun mapa que ten na súa web a localización dos puntos de recollida de sinaturas co obxectivo de facilitar o labor das persoas que queiran apoiar a petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”. Ademais do anterior tamén se pedirá que sexa unha programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos.

A proposta tamén insta ao Goberno da Xunta a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

A Mesa Lemos anima a veciñas e veciños do sur de Lugo a asinar e tamén a que establecementos e xente a título individual se ofreza a recoller sinaturas. Para colaborar, os interesados e interesadas teñen que contactar a través do correo electrónico xabarintv@amesa.gal

En Monforte de Lemos recollen xa sinaturas nos establecementos seguintes: Imprenta Fénix e Tenda das Viandas. En Sarria pódese asinar no Estanco Gallego; en Chantada na Cafetería A Pisada dos teus zapatos e Chiquitines, tenda de bebé e en Taboada na Librería Arco Iris.

También te podría gustar...