Pino Sagliocco falará de «35 anos de Rock&Roll», hoxe venres, na Ourense ICCWeek

220px-Pino_SaglioccoO produtor musical internacional Pino Sagliocco, chairman de «Live Nation España», ofrecerá mañá venres, ás 20.15 horas, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» unha conferencia titulada «35 anos de Rock&Roll», enmarcada no Foro La Región, dentro das actividades da Ourense ICCWeek. O produtor musical será presentado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

O seu carácter visionario e innovador permitiulle a Pino Sagliocco ser o executor dos maiores concertos internacionais. Entre as súas achegas destaca a fusión lograda en 1990 entre a ópera e o rock, con Montserrat Caballé e Freddy Mercury, lanzando ao mundo dende Ibiza o célebre himno «Barcelona».

O programa de actividades da Ourense ICCWeek para mañá venres complétase con charlas técnicas sobre produción e unha masterclass de vídeo-creación, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes «Paco Paz» de Ourense. Na sesión da mañá (de 11.00 a 14.00 horas) os especialistas en son Gabriel Solsona (TVE) e Manuel Cora (Codicine) falarán sobre «Métodos vangardistas en produción e post-produción do audio multicanal para Broadcast e Cine», mentres que pola tarde (de 16.00 a 18.00 horas), Juanjo Fernández (GnomaLab) ofrecerá unha masterclass de «Vídeo-creación e mapping».

Os obxectivos do Ourense ICCWeek son presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais, e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais. Tamén se pretende xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio.