Salvador Esteve e Manuel Baltar

A provincia de Ourense acollerá un novo foro de debate sobre o “Futuro das provincias”, organizado pola Deputación de Ourense e pola Fundación Democracia e Goberno Local, o think tank (laboratorio de ideas) máis importante do municipalismo español, integrada por 23 dos 45 gobernos locais intermedios de España. Así se acordou hoxe en Madrid na reunión da Comisión Permanente e da Xunta do Padroado da Fundación, nas que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

Manuel Baltar e o presidente da Deputación de Barcelona, Salvador Esteve, acordaron organizar conxuntamente en Ourense en abril de 2015 esta xornada sobre o futuro das provincias, unha medida que forma parte do Plan OURENSE 92. Ámbolos dous presidente abordaron na xuntanza de hoxe o papel fundamental que xogan as deputacións para facer efectivo “o principio de equilibrio territorial”.

Asemade, Manuel Baltar confirmou a súa participación na “II Conferencia nacional de presidentes de gobernos provinciais”, iniciativa que puxo en marcha este ano o titular da Deputación de Ourense co obxectivo de debater sobre o futuro destas administracións e propoñer accións que favorezan a cooperación e o traballo en rede entre elas. En 2015 a segunda edición terá lugar en Badaxoz os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo.