Manuel Baltar, na presentación do Torneo Ourense provincial termal

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao futbolista Borja Fernández, e os directivos da Escola Deportiva Ourense (EDO) Javier Caldas e Manuel Meiriño, presentou o venres o torneo de fútbol 8 “Ourense provincia termal”, que se disputará os días 27 e 28 de xuño no campo do Couto coa participación dos equipos de categoría Benjamín do Pavillón Ourense, Escola Deportiva Ourense, Deportivo da Coruña e Real Valladolid. “Trátese dun acontecemento que une aspectos tan importantes como o deporte a saúde e os valores de traballo e sacrificio que acreditan a deportistas como Borja Fernández”, afirmou Manuel Baltar, engadindo que Borja “é un defensor de Ourense porque leva o nome da nosa provincia aos máis altos ámbitos deportivos”.

O presidente do goberno provincial destacou que este torneo promociona “a nosa singularidade turística como é o termalismo, e con ela todas as potencialidades da provincia, ao que hai que engadir o aspecto fundamental que é a quen vai dirixido este torneo: ao deporte de base, algo que sempre apoiará a Deputación de Ourense. Entre todos imos consolidar este torneo, unha iniciativa pola que felicito aos seus creadores, dado impulso que lle están a dar ao ámbito deportivo dirixido especialmente aos máis novos”.

Borja Fernández agradeceu a posta en marcha deste campus, “que permitirá aos deportistas máis pequenos aprender e convivir cos valores máis salientables da práctica deportiva, algo que sempre deben ter presente, dentro e fóra do deporte”. E Javier Caldas dixo que este torneo nace coa idea de que os nenos “teñan como referente a Borja Fernández, aproveitando a excelente pegada que deixou en todos os clubs nos que militou: Real Madrid, Deportivo, Xetafe, Mallorca, Valladolid, Eibar e mesmo na India, onde xogou unha tempada”. Caldas agradeceu á Deputación de Ourense o apoio para a realización deste torneo e tamén ao Grupo Caldaria, en cuxos establecementos de Laias e Arnoia se hospedarán os xogadores.

O torneo dispútase na modalidade de liga, todos contra todos, no Campo do Couto e dará comezo o sábado, 27 de xuño, ás 17.00 horas, co partido entre a EDO e o Real Valladolid. Seguidamente xogarán Pavillón-Deportivo, EDO-Pavillón e Deportivo-Valladolid. O domingo, 28 de xuño, entre as 11.00 e as 13.00 xogarán EDO-Deportivo e Pavillón-Vallladolid, para rematar coa entrega de trofeos.