Os profesionais do Sergas realizaron máis de 35.000 e-interconsultas no primeiro semestre de 2015
Os profesionais do Servizo Galego de Saúde realizaron un total de 35.456 e-interconsultas entre xaneiro e xuño de 2015. Así o destacou o director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Ramón Ares Rico, na presentación do balance das e-interconsultas realizadas no primeiro semestre deste ano. Esta modalidade de atención aumenta a capacidade de resolución da atención primaria pois permite a comunicación entre profesionais de calquera centro de saúde e profesionais dos hospitais facilitando o acceso do paciente a un diagnóstico e tratamento precoz. Os datos do primeiro semestre apuntan a que neste ano a cifra podería superar as 75.000, salientou Ramón Ares, nun acto realizado na Xerencia de Atención Integrada da Coruña, coa presencia da xefa de Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC, Teresa Martínez, e o xerente de Xestión Integrada da Coruña, Francisco Vilanova.
Durante o ano 2013 realizáronse da orde de 27.000 e-interconsultas, un 5,4% sobre as consultas totais, observándose un importante incremento no ano seguinte cando se realizaron máis de 51.900, que representan un 8,2% sobre as consultas totais realizadas nesas especialidades.
Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde xa ten implantada esta modalidade de atención cun total de 24 especialidades nas diferentes Xerencias de Xestión Integradas. O programa iniciouse coas especialidades de dermatoloxía e oftalmoloxía, que actualmente están operativas en todas as Xerencias e no último ano e medio incorporáronse sete novos servizos hospitalarios: anestesia, cirurxía maxilofacial, hematoloxía, otorrinolaringoloxía, xeriatría, cirurxía xeral e pediatría.
A especialidade de dermatoloxía, con 12.182 e-interconsultas realizadas no primeiro semestre de 2015, é unha das que rexistra unha maior actividade, xunto con cardioloxía, con 7.175 e-interconsultas nesa mesma data ou oftalmoloxía, con 3.175 e-interconsultas realizadas tamén entre xaneiro e xuño. Ademais, hai servizos hospitalarios nos que a e-interconsulta representa máis dun 20% da actividade, como en radiodiagnóstico, hematoloxía, cardioloxía, endocrinoloxía, dermatoloxía e nefroloxía.
A e-interconsulta permite, a través do emprego de novas tecnoloxías, que o profesional de referencia de medicina de familia poida realizar unha consulta con especialistas de anestesia, dermatoloxía, anxioloxía e cirurxía vascular, endocrinoloxía, oftalmoloxía, psiquiatría, alergoloxía, cardioloxía, neuroloxía, dixestivo, medicina interna, nefroloxía, neumoloxía, radiodiagnóstico, rehabilitación, anestesioloxía e reanimación, medicina preventiva, cirurxía maxilofacial, cirurxía plástica e reparadora, hematoloxía clínica, otorrinolaringoloxía, xeriatría, cirurxía xeral e dixestiva e pediatría.