Os Premios Artesanía de Galicia 2014 recoñecerán o talento dos artesáns galegos e impulsarán a innovación e o relevo xeracional

xunta de galiciaA directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2014, que recoñecerán o labor creativo e a traxectoria dos artesáns galegos, ao tempo que contribuirán a impulsar o relevo xeracional e o desenvolvemento do talento no sector. Os galardóns divídense en tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2014, dotado con 6.000 euros, Premio Traxectoria de carácter honorífico e a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 3.000 euros para investir en formación.

Tal e como salientou a directora xeral de Comercio, a convocatoria destes galardóns pola Consellería de Economía e Industria forma parte do novo Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, que constitúe unha ferramenta destinada ao desenvolvemento do sector artesán no seu conxunto. Os Premios Artesanía de Galicia cumpren diferentes obxectivos incluídos neste Plan como contribuír á posta en valor do sector artesanal galego e á divulgación do traballo dos profesionais entre a sociedade, potenciar a creatividade, promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada, impulsar o relevo xeracional, así como apostar pola introdución da innovación e do deseño en todos os procesos de produción.

Sol Vázquez incidiu especialmente na categoría “Premio Traxectoria”, un recoñecemento honorífico ao conxunto da traxectoria dun artesán, na que se valorará tanto a calidade da súa obra como ao seu compromiso coa divulgación e transmisión do oficio e dos valores positivos da artesanía.

“Contamos cun sector artesán cunha grande riqueza, profesionais cun fondo coñecemento do oficio, implicados na promoción e no desenvolvemento do sector, que merecen un recoñecemento específico como o que ofrece este Premio”, sinalou. A directora xeral de Comercio fixo fincapé no feito de que se trate tamén dun galardón impulsado polo propio sector posto que as candidaturas a esta categoría deberán ser presentadas por outros obradoiros ou por asociacións profesionais de artesáns.

O Premio Artesanía de Galicia 2014 está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A obra premiada será aquela peza ou colección que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a presentación e a calidade tanto dos materiais como do proceso de elaboración da obra.

Por outra banda, tal e como destacou Vázquez Abeal, “o Premio Bolsa Eloy Gesto supón unha aposta da Consellería pola captación do talento dos novos profesionais, polo relevo xeracional e polo impulso á súa formación continua, tal e como se recolle no Plan de Artesanía de Galicia”, explicou a directora xeral de Comercio.

Esta categoría premiará a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño, en función do carácter innovador do proxecto, o coñecemento que se pretende acadar coa formación, a incorporación das novas tecnoloxías e a aplicación da formación á elaboración dun produto artesanal innovador. Os interesados deberán contar con carta de artesán ou co obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía e terán unha idade máxima de 40 anos no ano 2014. Na selección do gañador terase en conta o currículo da persoa candidata así coma o grao de madurez e de calidade da proposta.

Sol Vázquez resaltou tamén o nome desta terceira categoría dos galardóns como “homenaxe a unha das figuras máis relevantes do noso sector artesán que, ademais de ser un ourive de grande mestría que renovou a tradición compostelá, destacou polo seu forte compromiso co desenvolvemento e divulgación do sector, coa formación e co impulso ao relevo xeracional”. Precisamente en recoñecemento á traxectoria de Eloy Gesto, a Consellería promove a exposición “Bosques de prata”, que se pode visitar na Casa do Cabido de Santiago de Compostela ata o 27 de xaneiro.