Obradoiro “Terra de Mosteiros 2016″, formación e emprego para 20 persoas

  • A Xunta concede un obradoiro de emprego á mancomunidade de concellos da comarca de Ourense para ofrecer formación e traballo a vinte persoas desempregadas
  • A iniciativa conta cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 180.000 euros e impartirá dúas especialidades: xardinería e albanelería
  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, mantivo unha reunión cos alcaldes dos dez municipios beneficiados por este programa mixto de formación e emprego
  • En total, a provincia ourensá contará con 20 obradoiros que beneficiarán a preto de 400 persoas desempregadas

200716 Reunión Mancomunidade Ourense

 

Na provincia de Ourense este ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha un total de 20 obradoiros que beneficiarán a preto de 400 persoas en situación de desemprego veciños dun total de 75 concellos e cun orzamento de preto de 3,5 millóns de euros.

Un dos obradoiros concedidos na provincia é o que comparten os concellos pertencentes á Mancomunidade Voluntaria de concellos da comarca de Ourense: Paderne de Allariz, Maceda, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín, Esgos, San Cibrao das Viñas, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do xefe territorial da Consellería, Tomás Paz Doniz, mantivo hoxe unha reunión co presidente e alcaldes desta mancomunidade para anunciarlles a concesión deste programa mixto de formación e emprego nas especialidades de xardinería e albanelería que beneficiará a 20 dos seus veciños desempregados.

O obradoiro “Terra de Mosteiros 2016”, que iniciará a súa actividade a mediados do mes de setembro, terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros. A delegada territorial mostrou a súa satisfacción por poder avanzar que estes concellos obtiveron este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro: dar formación a persoas desempregadas para que logren reinsertarse laboralmente”.

Durante o período de formación a Xunta financiará o salario dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto. Pola súa banda, os concellos encargaranse da organización directa dos cursos, a selección dos profesionais que os levarán a cabo e a relación cos participantes. Isto pon de relevancia, tal e como subliñou a delegada, “a importancia da colaboración entre institucións, en especial neste caso que se trata dunha iniciativa promovida conxuntamente polos concellos pertencentes a unha mancomunidade”.

Díaz Mouteira tamén aproveitou para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

Principais actuacións

As principais actuacións que levarán a cabo os alumnos e alumnas deste obradoiro será a restauración das pontes sobre o río Arnoia, no concello de Baños de Molgas; a ampliación da escola municipal de música, no concello de Maceda; o acondicionamento da Casa do Mármore, en Xunqueira de Ambía; e o acondicionamento e mellora de lavadoiros de diferentes parroquias.

 

 

También te podría gustar...