O Sergas indica que o tempo de espera para ser operados baixou 4 días no último ano en Galicia

SERGASO xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentou hoxe, en rolda de prensa, os datos de actividade e demora deste organismo referidos ao 2014. No acto, o xerente estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e pola subdirectora de Avaliación Asistencial e Garantías, Susana Cerqueiro.

Tal e como destacou Fernández-Campa, as galegas e galegos esperan de media 4 días menos para seren operados que hai un ano. Así, mentres a espera media cirúrxica global en todos os centros, incluído Povisa, a decembro de 2014, foi de 80,4 días, en decembro de 2013 esa media situábase en 84,2 días. Se contamos so os centros Sergas, a espera media tamén descende, de 67,8 días de decembro de 2013 a 67,1 de decembro de 2014.

Fernández-Campa remarcou, tamén, que o Servizo Galego de Saúde continúa garantindo o compromiso de atender ás patoloxías máis graves (prioridade 1) por debaixo dos 30 días e as graves arredor dos 60 días. Así, o tempo medio de espera en pacientes de prioridade 1, a 31 de decembro de 2014, situouse dentro dos obxectivos, con 18,7 días en todos os centros. No tocante aos pacientes con patoloxías de prioridade 2, o tempo medio de espera foi de 56,5 días en todos os centros.

Neste sentido, Sanidade segue a traballar na mellora da atención en tempo e xestionando segundo criterios homoxéneos en base á gravidade do paciente e á capacidade de resolución da intervención.

Tamén destacou o xerente que o rendemento cirúrxico acumulado neste período acadou un nivel do 76,53%, fronte ao 75,55% de 2013, sendo o número de intervencións realizadas nos quirófanos do Servizo Galego de Saúde en xornada ordinaria no pasado ano un total de 118.304.

Subliñou, igualmente, que un total de 5.770 pacientes menos que a finais de 2013 agardaban, a 31 de decembro de 2014, por unha primeira consulta de enfermidade no hospital (133.302 fronte a 139.072)

Área de consultas e probas diagnósticas e terapéuticas

O número de consultas en xornada ordinaria realizadas nos hospitais do Sergas no pasado ano foi de 4.112.672, o que supón 33.344 máis que no 2013. O tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade no hospital situouse en 50,3 días.

Así mesmo, as primeiras consultas de enfermidade nas que máis diminuíu o tempo medio de espera foron hematoloxía clínica (28,3 días menos); dermatoloxía (25,9 días menos); nefroloxía (13,1 días menos); medicina nuclear (7,8 días menos); e cirurxía pediátrica (6,8 días menos).

No que atinxe ás probas diagnósticas, aquelas nas que máis diminuíu o tempo medio de espera son a endoscopia otorrinolaringolóxica, con 60,9 días menos; e o estudo do sono, con 45,1 días menos.

Vías rápidas e consulta telefónica
Ademais, o Sergas segue a traballar no seu compromiso de atención a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días a través da implantación das vías rápidas. Así, o tempo medio de espera das vías rápidas implantadas dende atención primaria a consultas de hospital é de 1,3 días en cancro de mama; 8,7 en cancro de pulmón; 12,8 en cancro colorrectal; 5,7 días en cancro de próstata; 7,5 días en cancro de vexiga; 1 día en melanoma; 8 días para cancro otorrinolaringolóxico; sen esperas para cancro de cabeza e colo; 4,5 días para demencia; 11,5 para artrite; e 7 días para lumbalxia.

Por último, cómpre salientar o incremento das consultas telefónicas nos centros de saúde; actualmente están dispoñibles medicina de familia, pediatría, enfermería, matrona, odontoloxía, hixiene bucodental e traballo social. O número total de consultas telefónicas no pasado ano foi de 1.253.574 das que 1.095.896 foron cos médicos de familia.

También te podría gustar...