SERGASO número de intervencións realizadas nos quirófanos do Servizo Galego de Saúde en xornada ordinaria foi, entre xaneiro e setembro, de 87.296. O rendemento cirúrxico acumulado neste período acadou un nivel do 76,45%, fronte ao 75,81% de 2013 ou o 74,51% de 2012. Tamén continúa a aumentar a realización de cirurxías nos centros de saúde, cun 17,92% máis respecto dos nove primeiros meses de 2013, ata acadar un total de 16.673 intervencións, 2.534 máis que no mesmo período do ano anterior.

O Servizo Galego de Saúde continúa garantindo o compromiso de atender ás patoloxías máis graves (prioridade 1) por debaixo dos 30 días e as graves arredor dos 60 días. Así, o tempo medio de espera en pacientes de prioridade 1, a 30 de setembro de 2014, situouse dentro dos obxectivos, con 19,8 días nos centros sanitarios do Sergas.

No tocante aos pacientes con patoloxías de prioridade 2, o tempo medio de espera foi de 56 días nos centros da rede do Servizo Galego de Saúde, o que supón 5,9 días menos respecto do mesmo período do ano anterior.

Así mesmo, a media global de espera cirúrxica nos hospitais do Sergas, a 30 de setembro, era de 81,5 días. Neste sentido, Sanidade segue a traballar na mellora da atención en tempo e xestionando segundo criterios homoxéneos en base á gravidade do paciente e á capacidade de resolución da intervención.

Área de consultas e probas diagnósticas e terapéuticas

O número de consultas en xornada ordinaria realizadas nos hospitais do Sergas nos nove primeiros meses do ano foi de 3.032.255. O tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade no hospital situouse, en setembro de 2014, en 49,9 días; o que supón 3,4 días menos que no mesmo período do ano anterior.

Actualmente, 137.846 pacientes agardan por unha primeira consulta de enfermidade, é dicir, 26.058 menos que en setembro de 2013. As consultas con menor tempo medio de espera son oncoloxía médica (4,3 días), medicina nuclear (4,9 días), cirurxía cardíaca (8,4 días), radioterapia (9,2 días), cirurxía torácica (10 días) e obstetricia (12,7 días).

Así mesmo, as primeiras consultas de enfermidade nas que máis diminuíu o tempo medio de espera foron neurocirurxía (37,8 días menos), nefroloxía (20,2 días menos), dermatoloxía (18,8 días menos), hematoloxía clínica (18,3 días menos) e medicina nuclear (16 días menos), cirurxía pediátrica ( 15,7 días menos) e uroloxía (15 días menos)

No que atinxe ás probas diagnósticas, aquelas nas que máis diminuíu o tempo medio de espera con respecto ao pasado ano son a ecografía vascular (188,2 días menos), a ecografía de tórax (103,1 días menos), o estudo cardiolóxico (80,6 días menos), os potenciais e respostas evocadas (68,2 días menos), o intervencionismo por ecografía (57,8 días menos) e a endoscopia xinecolóxica (40,9 días menos).