O Polígono do Reboredo, a nova esperanza industrial de Monforte

A xerente da entidade estatal “Suelo Empresarial do Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, desprazouse a Monforte de Lemos este 15 de setembro para facer efectiva ante notario a sinatura de ata catro novas vendas no polígono industrial do Reboredo.

Con todas as miradas postas dende hai anos no Porto Seco, o polígono industrial do Reboredo está a ser nestes momentos a ‘Ave Fénix’ do Concello de Monforte, polo menos en canto a expectativas empresariais se refire. “O polígono do Reboredo está de noraboa porque está crecendo e dende o Concello pensamos en articular novas medidas de crecemento, motivo polo cal solicitamos hai unhas semanas o SEPES o incremento da súa superficie, para que haxa máis posibilidades industriais nesta zona do interior de Galicia”, lembrou José Tomé.

Este mércores 15 de setembro asináronse na capital da Ribeira Sacra catro vendas de parcelas industriais. Concretamente foron cunha compañía metalúrxica, cunha empresa de enxeñería, outra vinculada á construción e unha máis co propio Concello de Monforte. Trátase de catro parcelas que permitirán sumar tres novas empresas ao polígono, nunha extensión total de 27.173 metros cadrados.

Este mércores 15 de setembro asináronse na capital da Ribeira Sacra catro vendas de parcelas industriais

 

En cifras económicas, as operacións supoñen un desembolso para as compañías de 529.873 euros máis IVE. As operacións asinadas esta mañá pola xerente de SEA –Suelo Empresarial do Atlántico– súmanse ás pechadas nos últimos meses e que reflicten o dinamismo do polígono, nun antes e un despois evidente tras estes dous últimos anos.

En concreto, neste ano 2021, o organismo estatal “Suelo Empresarial do Atlántico” tamén pechou operacións que afectan ás parcelas 2C e 3C, que suman 14.912 metros cadrados –290.784 máis IVE–; e as 14A e 15A, que supoñen un total de 8.988 metros cadrados –175.266 euros máis IVE–.

Beatriz Sestayo puxo en valor o significado económico que representan estas operacións salientando ademais o que poden supoñer na xeración de emprego para Monforte. “Satisfacción polo transcendente impulso do Polígono Industrial de Monforte, exemplo claro de dinamización económica e creación de emprego desde a proactividade e colaboración institucional”, subliñou a xerente do SEA.

Beatriz Sestayo, xerente de SEA, puxo en valor o significado económico que representan estas operacións salientando ademais o que poden supoñer na xeración de emprego para Monforte

 

Pola súa banda, o alcalde de Monforte, José Tome, co que se fixo efectiva a sinatura dunha parcela, subliñou que “por parte do Concello, imos seguir traballando para levar a cabo actuacións de mellora moi relevantes, que teñen que ver co aumento do desenvolvemento urbano e tamén coa mellora do saneamento integral do Polígono”.

Despois desta operación só quedan dispoñibles catro parcelas, polas que segundo sinalan dende o organismo estatal de colocación de solo industrial, xa se constatou interese de distintas empresas.

ACTUACIÓNS DE MELLORA NO POLÍGONO DO REBOREDO

No pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello licitou o proxecto para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía que facilitará as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación.

Neste proxecto, o Concello investirá case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros, para acadar unha vía de 16,50 metros de ancho e dotada de todos os servizos de iluminación, saneamento e beirarrúas.

Outra das iniciativas propias nas que o Concello está a traballar xa é na rehabilitación dunha nave do polígono, propiedade municipal, para convertela nun futuro Viveiro de Empresas, para o cal o investimento destinado polo Equipo de Goberno monfortino supera os 235.000 euros, dun orzamento total de máis de 427.000 euros, e con posibilidades de ampliación, se fose necesario.

 

También te podría gustar...