O mel non caduca da compañía Ibuprofeno Teatro en Monforte

  • O Concello de Monforte recupera o teatro neste primeiro trimestre do ano, e as actuacións volven hoxe xoves ó Edificio Multiusos a partir das 20.15 horas
  • O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes
  • Todas as obras que se celebren neste ciclo de teatro contarán cun protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19. Neste senso, o aforo estará limitado a un máximo de 110 persoas

 

O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro trimestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas. A primeira das obras previstas neste ciclo de 2021, “O mozo da última fila” de Redrum Teatro, que se tiña que ter celebrado o 28 de xaneiro, foi aprazada por mor das restricións decretadas polas autoridades sanitarias en relación coa pandemia do coronavirus.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2021 en Monforte de Lemos, hoxe xoves 25 de febreiro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da segunda das obras previstas para adultos: O mel non caduca, da compañía Ibuprofeno Teatro, obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Marián Bañobre e Avelino González.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

Sinopse

O mel non caduca”  é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, será Macbeth. O ruído e a furia da compañía Estudo Momento que terá lugar o xoves 11 de marzo no Edificio Multiusos, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación. Nesta ocasión será dun máximo de 110 persoas, mantendo as correspondentes medidas de distanciamento social.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.