O Festival espazos sonoros 2014 de Cultura e Educación despídese esta fin de semana con danza e canción de autor galegas

espazos sonorosLogo de percorrer a xeografía galega desde o pasado 14 de setembro cunha completa programación de actividades e concertos en lugares de especial valor patrimonial, o ciclo Espazos Sonoros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remata esta fin de semana a súa sétima edición con danza contemporánea e música de autor galegas.

Mañá sábado, a igrexa da Magdalena de Ribadavia, na provincia de Ourense, será o escenario do espectáculo multidisciplinar Micro Impactos, unha instalación artística a cargo do proxecto Voltage opposites que afonda na interrelación entre a danza contemporánea, o ‘live cinema’ e a experimentación sonora.

A obra de Paula Quintas, Xoán-Xil López e Adriana Pazos, que se estrutura en módulos-impactos, parte dunha localización concreta para ir conformando un espazo escénico de seu a través da combinación das sensacións que transmiten o movemento do corpo, a proxección das imaxes transformadas en tempo real e a reelaboración do espazo sonoro. A entrada ao espectáculo é libre ata completar o aforo e realizarase antes das 19 horas, momento no que dará comezo o espectáculo.

También te podría gustar...