O DOG publica o Plan de inspección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que priorizará en 2015 a atención aos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago

Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade ao Plan de Inspección urbanística da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística para o ano 2015.

O plan, aprobado polo Consello Executivo da APLU o pasado 27 de xaneiro, ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da axencia.

O plan fixa como actuacións prioritarias as necesarias para evitar o ilícito e para repór a legalidade vulnerada tanto pola comisión de ilícitos urbanísticos en zonas clasificadas como rústicas como na zona de servidume de costas.

Como novidade con respecto ao plan de 2014 nas operacións de vixilancia e inspección, ademais de prestar atención ao territorio dos municipios integrados na Axencia, ao territorio dos municipios costeiros e ao territorio dos municipios con espazos naturais como o pasado ano, determínase como prioritario o territorio dos municipios por onde transcorran os distintos Camiños de Santiago normativamente delimitados.

Outra das prioridades que se mantén no plan de actuación deste ano é a incoación de expedientes das obras que se atopan en execución, con independencia da data da denuncia, de xeito que se paralizan as obras.

Para facer máis fluída a relación cos concellos adheridos, a APLU fíxase un límite dun mes para contestar aquelas consultas, agás que requiran a emisión de informes específicos, que os municipios transmitan á APLU en relación coa disciplina urbanística, competencia da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Cómpre lembrar que os obxectivos principais son evitar que se leven a cabo obras, instalacións e usos que contraveñan a normativa urbanística e colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.
A política territorial da Xunta de Galicia está baseada na disciplina urbanística e integrada nun contexto que se articula en torno a tres grandes liñas de actuación: a ordenación do territorio e o urbanismo, a protección da paisaxe e a reposición da legalidade urbanística.