O Consello Galego de Turismo aproba unha nova ordenación para os establecementos hoteleiros e albergues turísticos

image_gallery (4)

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu o pasado venres a sesión do Consello Galego de Turismo que tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela.

Durante a sesión, foi aprobada a nova ordenación dos establecementos hoteleiros e dos albergues turísticos, que entrará en vigor este mesmo verán.

A modificación da regulación dos establecementos hoteleiros introduce un sistema de cualificacións novidoso que permite ter en conta, por unha parte, as infraestruturas e o cumprimento duns mínimos obrigatorios para todos os establecementos da mesma categoría, e por outra parte, os servizos prestados polos establecementos, ofrecidos á libre elección dos titulares dos mesmos.

Neste novo sistema de clasificación por puntos, valóranse tanto a importancia da percepción da calidade que teñen os consumidores e usuarios, coma os requisitos mínimos que se teñan que cumprir en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, adecuados aos estándares xerais do sector. Así mesmo, inclúe a posibilidade de mellorar a competitividade dos establecementos, mediante un sistema flexible da clasificación cun espazo que permite a innovación empresarial no noso territorio.

Así, unha das novidades máis destacadas é a introdución de parámetros de calidade do servizo na categorización dos establecementos, mais alá dos puramente métricos ou cuantitativos. Neste senso, introdúcense criterios de servizos de cariz prestacional, de confortabilidade, mobiliario e equipamentos das habitacións, acceso aos servizos complementarios, servizos de restauración, servizos de telecomunicacións, entre outros.

Así mesmo, introdúcense elementos de flexibilidade na rixidez métrica das superficies esixidas coa finalidade de facilitar a rehabilitación de edificios, a conservación do patrimonio histórico e artístico e unha adecuada adaptación da norma tentando de harmonizalo tanto co resto de normas doutras comunidades autónomas coma coas do noso entorno máis inmediato, en especial coa normativa europea.

Por outro lado, este novo decreto constitúe un instrumento normativo a través do que se traspón, no ámbito dos establecementos hoteleiros, a Directiva do Parlamento Europeo relativa ao libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio.

Esta nova regulación turística mantén, non obstante, o sistema de clasificación por estrelas dos establecementos hoteleiros utilizado a nivel internacional dende hai décadas, o que, sen dúbida, constitúe unha garantía de especial importancia para as persoas usuarias turísticas, ao permitirlles asociar o número de estrelas outorgadas en cada establecemento hoteleiro cun determinado nivel de calidade de instalacións e servizos.

Outra das principais novidades que incorpora a dita ordenación é a clasificación dos hoteis nas seguintes modalidades: hoteis, hoteis apartamentos, hoteis balneario, hoteis talaso e moteis. Así, a nova categoría de hoteis balnearios corresponderá a aqueles establecementos que , reunindo os requisitos esixidos aos hoteis, conten, ademais, con instalacións balnearias e a categoría hotel talaso os establecementos hoteleiros que conteñan instalacións e unidades de tratamento con auga do mar natural como elemento diferenciador e esencial da súa oferta.

Ordenación dos albergues turísticos
O Consello Galego de Turismo acordou tamén no día de hoxe a nova regulación para os albergues turísticos que introduce como principal novidade a súa clasificación en dúas categorías: albergue turístico de primeira categoría e albergue turístico de segunda categoría, substituíndo a actual clasificación por estrelas de unha, dúas e tres estrelas.

Outras das novidades é o recoñecemento dunha categoría especial para os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago, caracterizados por estar situados nun área de 3 km en torno ao Camiño de Santiago, xestionados por entidades sen ánimo de lucro e por reunir elementos esenciais no desenvolvemento da súa actividade a función hospitalaria ao peregrino.

Así mesmo, para adaptarse á realidade das persoas usuarias turísticas deste tipo de establecementos, nunha elevada porcentaxe peregrinos, establécese para os albergues turísticos un réxime especial que exclúe o establecido con carácter xeral en canto ao réxime de prezos e reservas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración en Galicia, de xeito que se recolle que a xornada iniciarase ás 13:00 horas do primeiro día do período contratado e finalizará ás 10:00 horas do día sinalado como data de saída.

Con esta norma trátase de acadar un incremento na calidade dos albergues turísticos, como establecementos que fan atractivo o noso territorio como destino turístico.