A Deputación de Ourense financia un novidoso sistema tecnolóxico para coñecer e transmitir ao instante os datos da vendima.

  • Manuel Baltar e o presidente do CRDO Ribeiro presentaron onte unha aplicación para dispositivos móbiles que permite axilizar o proceso de verificación das entregas de uva realizadas e o acceso inmediato a estes datos por parte do consello regulador
  • O proxecto, financiado polo goberno provincial cun investimento de 50.000 euros, é unha aplicación única no mercado que engloba, sistematiza e coordina todos os procedementos do sistema de calidade

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou onte xunto ao presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso, un novo sistema tecnolóxico para coñecer ao instante os datos da vendima. Esta aplicación para dispositivos móbiles forma parte dun proxecto financiado pola Deputación de Ourense para modernizar tecnolóxicamente o CRDO Ribeiro e favorecer unha xestión automatizada dos labores que desenvolve. En concreto, a nova app permite axilizar o proceso de verificación das entregas de uva realizadas e o acceso inmediato a estes datos por parte do consello regulador

Manuel Baltar afirmou que a Deputación de Ourense “quer estar sempre na vangarda, apoiando proxectos que engadan valor tecnolóxico e que melloren os servizos a empresas e cidadáns, como é o caso desta ferramenta, única no mercado”, e destacou a importancia “de seguir colaborando en materia de promoción, innovación e comercialización co sector vitivinícola, básico na economía da provincia de Ourense”.

Manuel Baltar na presentación do novo sistema de xestión do CRDO Ribeiro

Manuel Baltar na presentación do novo sistema de xestión do CRDO Ribeiro

Baltar expresou que a Deputación continuará con ese diálogo permanente que instauramos cos presidentes das catro denominacións de orixe ourensás, “e achegaremos axudas e colaboracións para promocionar este importante produto endóxeno, con iniciativas innovadoras como o portal web Enourense”.

O proxecto presentado hoxe supón a introdución do Ribeiro nas novas tecnoloxías ademais de dotar a entidade dunha alta efectividade para garantir a calidade dos seus viños. Grazas a esta nova aplicación, os datos sobre a vendima deste ano da Denominación de Orixe Ribeiro serán procesados e actualizados minuto a minuto. A app, que figura nas tablets dos inspectores, permite que se axilice o proceso de verificación das entregas realizadas nas distintas adegas pois, os datos son envorcados na nube de información que posteriormente pasan ao servidor do Consello Regulador e na web, permitindo o acceso inmediato aos datos tanto o propio Consello como os correspondentes operadores.

Esta novidosa aplicación sistematiza e coordina todos os procedementos do sistema de calidade en tempo e forma, un método que permite minimizar erros e recursos e xera unha importante efectividade e fiabilidade do traballo e servizos que presta o CRDO Ribeiro.