• Francisco Cuéllar reflexiona sobre a existencia nunha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel
Inauguración da mostra de Francisco Cuéllar

Inauguración da mostra de Francisco Cuéllar

 

Francisco Cuéllar Santiago, fotógrafo e videocreador extremeño, reflexiona sobre a propia existencia nunha mostra que se inaugurou onte, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, baixo o título de Nitimur in vetitum (Lanzarse ao descoñecido). Neste traballo, que inclúe fotografías, videoinstalacións interactivas e reprodución de momentos claves da súa traxectoria vital; o artista tenta dar un sentido á súa propia existencia artellada ao redor do seu pasado vital.

Esta mostra, comisariada pola ourensá Tatiana Itziar Feijoo, é tamén a primeira exposición individual deste xoven creador, que a pesar desta condición acapara no seu curriculum un bo número de premios, becas e recoñecementos artísticos en diferentes proxectos. “Con esta mostra, o centro cultural da Deputación reitera unha vez máis a súa aposta decidida polos novos creadores e a súa apertura permanente a proxectos artísticos procedentes de diferentes lugares do país”, tal como salientou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Lembranzas, memoria e sensacións son conceptos que inundan esta exposición, que bebe moi directamente do existencialismo de F. Nietzsche e, en particular, do seu libro Ecce Homo.