Monforte donará un libro coa biografía de Lois Pereiro con motivo do 25 aniversario da súa morte

  • O Concello de Monforte donará un libro coa biografía de Lois Pereiro con motivo do 25 aniversario da súa morte
  • O vindeiro luns 24 de maio, o Concello de Monforte agasallará os seus veciños cun exemplar que aborda a biografía do poeta monfortino
  • Os libros poderanse recoller de xeito gratuíto no vestíbulo da Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas, e ata agotar existencias

 

O vindeiro luns 24 de maio, o Concello de Monforte agasallará, a todos aquelas persoas que o desexen, cun libro sobre a vida de Lois Pereiro co gallo do 25 aniversario da morte do escritor monfortino, finado en A Coruña en 1996.

Trátase dunha biografía inédita dun dos poetas monfortinos máis importantes, editada pola Editorial Galaxia en 2011 e escrito por Antón Lopo.

O reparto gratuíto dos libros terá lugar o luns 24 de maio de 9 a 14 horas no vestíbulo da Casa do Concello, e farase ata esgotar existencias, unhas 400 unidades.

O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “dende o Concello quixemos ter un xesto cos nosos veciños para conmemorar o aniversario do falecemento, o 24 de maio de 1986, do que é un dos escritores máis importantes da nosa cidade. Con este libro, queremos que os nosos veciños descubran unha completa biografía do noso poeta Lois Pereiro, a cal agardamos sexa do seu interese”.

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos e estudou no colexio dos Escolapios,  comezando a escribir con 16 anos. Tras rematar o COU marchou a Madrid, onde comezou Ciencias Políticas e Socioloxía. Logo dunha estancia en Monforte traballando na empresa familiar, adicada ao vidro, regresou a Madrid para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista “Loia” xunto a Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro. Nela publicou os seus primeiros poemas, a finais da década dos 70.

Cara a 1981 marcha a vivir á Coruña, onde se une á revista “La Naval”. Neste período entrou en contacto cun grupo de poetas entre os que figuraban Xavier Seoane, Francisco Salinas Portugal ou Xulio Valcárcel, participando en varias antoloxías coma De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), e colaborando en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Anima+l” e “Luzes de Galiza”. Esta última publicaría en 1997 os oito capítulos da novela curta “Náufragos do Paradiso”.

Publicou dous poemarios en vida, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). No 1996, ano da súa morte, saíu á luz Poemas para unha loia, que recolle obras da época madrileña, publicadas na revista Loia, e a prosa autobiográfica de Conversa ultramarina (2010).

No ano 2011 a Lois Pereiro adicouselle o Día das Letras Galegas. A Biblioteca pública municipal de Monforte leva o seu nome.