Monforte de Lemos: cidade histórica, artística e literaria

  • Monforte de Lemos é unha cidade chea de historia, arte e relacionada coa literatura. Mesmo o nome, Monforte de Lemos, fálanos da historia local
  • No ano 1883 chegou o tren a Monforte, coa inauguración da estación por Alfonso XII. Dous anos despois, concedéuselle o título de cidade
Artigo elaborado por Xosé Martínez Rodríguez

 

O nome Monforte alude a un monte fortificado que non é outro que o de San Vicente do Pino o cal permítenos evocar salientables páxinas históricas locais: o asentamento castrexo que aquí tivo o pobo prerromano dos lemavos, o nacemento na alta idade media e posterior desenvolvemento dun mosteiro beneditino e a importancia en tempos medievais e modernos da Casa de Lemos plasmada respectivamente na Torre da Homenaxe e no Pazo dos Condes de Lemos.

 

O mosteiro beneditino –hoxe Parador Nacional–, a Torre da Homenaxe e o Pazo dos Condes seguen hoxe en día sendo a fermosa coroa para o monte.

Outra páxina histórica destacada da cidade foi tamén a chegada do tren no 1883, coa inauguración da estación por Alfonso XII. Dous anos despois deste acontecemento concedéuselle a Monforte o título de cidade.

 

No ano 1885 concedéuselle a Monforte o título de cidade

 

PEGADAS ARTÍSTICAS NA CIDADE

É lóxico que unha longa e rica historia deixase abundantes e interesantes pegadas artísticas na cidade.

Ao mosteiro de S. Vicente do Pino hai que sumar o patrimonio local vinculado á Casa de Lemos:  os xa citados Torre da Homenaxe e Pazo dos Condes de Lemos, o Convento de Santo Domingo, o Colexio do Cardeal e o Convento de Sta. Clara. Todos estes lugares atópanse na zona histórica de Monforte de Lemos, declarada conxunto histórico-artístico no ano 1973, na que tamén están o Centro do Viño da Ribeira Sacra –co seu museo do viño–, a Oficina Municipal de Turismo, a zona de ámbito xudeu, a Ponte Vella, ademais de interesantes rúas entre as que podemos citar a do Cardeal ou a do Comercio.

 

A zona histórica de Monforte de Lemos foi declarada conxunto histórico-artístico no ano 1973

 

 

Fóra da zona histórica atopamos outros lugares de grande interese na propia cidade como o Pazo Muíños de Antero ou o Museo do Ferrocarril de Galicia e dentro dos límites do concello outros como o Pazo de Tor e algunhas igrexas con elementos románicos (Ribas Altas, Valverde, Baamorto, A Parte, A Penela e Moreda).

 

A RELACIÓN DE MONFORTE COA LITERATURA

Monforte de Lemos ao longo do tempo non só tivo e segue a ter unha intensa vinculación coa arquitectura, tamén a tivo e a ten coa literatura.

En relación á idade media da Terra de Lemos foron orixinarios poetas como Pero de Veer e Fernán Figueira de Lemos. Historias medievais como a da Coroa de Lume ou a de Inés de Castro –filla do señor de Lemos Pedro Fernández de Castro– tiveron un rico tratamento non soamente na literatura galega senón mesmo na española e na universal.

Nos Séculos Escuros non podemos deixar de lembrar a Isabel de Castro, filla do IV conde de Lemos e primeira escritora galega coñecida, e ao bacharel Olea, preceptor dos fillos da III condesa de Lemos, que escribiu probablemente aquí o primeiro vocabulario galego.

 

Isabel de Castro, filla do IV conde de Lemos e  primeira escritora galega coñecida

 

E ao falar novamente dos señores e dos condes de Lemos non podemos esquecer a vinculación coa literatura, como escritores ou como mecenas que tiveron moitos membros da familia entre eles, o VII conde de Lemos Pedro Fernández de Castro, quizais o máis grande mecenas da época dourada da literatura castelá protector de Cervantes, Lope de Vega, Góngora, Quevedo ou os irmáns Argensola. En efecto, Monforte aparece vinculada á vida destes grandes escritores. Así Cervantes dedicoulle a Pedro Fernández de Castro a segunda parte do Quixote, entre outras obras súas, e Góngora dedicoulle un fermoso soneto á nosa cidade.

Nomes vinculados á reaparición da literatura galega na escrita no século XIX como Fernández Neira, autor de Proezas de Galicia (1810), tamén tiveron relación con Monforte como amosan textos desta obra. Nesta época de principios do século XIX outro escritor galego, Pedro Boado Sánchez, aparece vinculado igualmente á nosa cidade. O monfortino Manuel Yáñez González, autor do poema “O arador” e de textos de temática local, foi un dos epígonos do Rexurdimento.

 

Cervantes dedicoulle a Pedro Fernández de Castro, o VII  conde de Lemos, a segunda parte do Quixote entre outras obras súas e Góngora dedicoulle un fermoso soneto á nosa cidade

Pedro Fernández de Castro. . Imaxe: Real Academia de la Historia

 

Na Época Nós desenvólvese en Monforte no ano 1922 a IV Asemblea das Irmandades da Fala que achega á cidade á intelectualidade galega máis importante do momento: Risco, Castelao, Manuel Antonio, Antón Lousada Diéguez… dos que conservamos bastantes fotografías.

Na posguerra foi referente cultural non só a nivel local senón tamén galego a figura de Manuel María que viviu máis de trinta anos en Monforte onde exerceu como procurador e onde tivo coa súa dona Saleta a librería Xistral e a editorial do mesmo nome onde viron a luz os doce libros da colección de poesía Val de Lemos na que están representados escritores tan importantes para a literatura galega como Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Darío Xoán Cabana, Bernardino Graña, Margarida Ledo Andión, X. L. Álvarez Pusa, Xosé Lois García, Lois Diéguez e Fiz Vergara Vilariño.

Monforte en particular, e a Terra de Lemos en xeral, viven na actualidade unha época dourada en canto á súa presenza nas letras galegas a través dun importante número de escritores e escritoras de grande calidade. Destacar, por exemplo, os nomes de Lois Diéguez, Lois Pereiro (1958-1996 a quen se lle dedicou en 2011 o Día das Letras Galegas), Xosé Manuel Pereiro, Antón Patiño Regueira, Antón Patiño, Antón Lopo, Teresa Moure, Manuel Veiga, ou Sabela Rodríguez Ojea.

También te podría gustar...