1 1 1 1 1 1 1 1 MB e CEO xul15 (1)

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou o pasado luns xunto ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, e o responsable territorial de Abanca, Rubén Saavedra, na presentación da Oficinal de Atracción de Investimentos da CEO, que tivo lugar na sede da entidade empresarial.

Manuel Baltar dixo que a Deputación “ten que estar nesta iniciativa porque conformamos xunto cos outros dous integrantes da mesa as institucións público e privadas que temos un obxectivo común que coincide co noso ámbito territorial: a provincia de Ourense, e iso conleva interiorizar tres palabras, cuxas iniciais son las mesmas que as da CEO, como son “Creo en Ourense”; tres palabras que son unha fortaleza para defender a nosa riqueza e as nosas potencialidades; temos que sumilas e temos que traballar para facelas rendibles, non só cultural e socialmente senón tamén economicamente”.

O presidente do goberno provincial falou do importante valor da Ribeira Sacra e tamén da aposta de Abanca e da Deputación co Plan “Transforma Ourense”, asinado por estas dúas entidades, “e que puxo a disposición das pemes, administracións locais e cidadáns un total de 30 millóns de euros para proxectos de competitividade, e así é como se fai camiño para dinamizar o noso territorio”.

Manuel Baltar destacou os catro eixos estratéxicos de desenvolvemento para a provincia de Ourense nos vindeiros catro anos como son o Plan “Ourense, a provincia termal”; o Plan de Competitividade para empresas, con axudas para a internacionalización, presentado en Bruxelas o ano pasado; a primeira Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente do Estado, e un plan que converta a Ourense en “provincia intelixente” no ámbito do uso da intelixencia tecnolóxica. “Iso é pensar en clave de provincia, e o acto de hoxe significa unha unión co empresariado ourensán, que vai ter permanencia no tempo, e para mellorar nos ámbitos demográfico e de emprego hai que actuar coa base posta nesta cooperación público-privada que se visualiza no convenio que da lugar a esta Oficina de Atracción de Investimentos. Porque todo o que lle vai ben a Ourense ten que ter á Deputación ao carón, é como é este caso, ao lado do emprendemento”.

A Oficina ten como obxectivo “dinamizar a actividade económica na provincia mediante a atracción de potenciais investidores, ofrecendo o apoio necesario para que se localice calquera tipo de actividade económica”, explicou Pérez Canal. “Con esta ferramenta –dixo- preténdese publicitar as potencialidades da nosa provincia coa finalidade de facer negocio”.