Máis de 1.100 familias e empresas de toda Galicia solicitaron este ano as axudas da Xunta para acceder a internet vía satélite
Un total de 1.110 familias e empresas solicitaron este ano as axudas da Xunta para contratar o servizo de conexión a internet vía satélite. Esta actuación corresponde á última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible a través desta tecnoloxía.
É a terceira convocatoria deste programa de axudas que no período 2012-2014 beneficiou a un total de 2.537 familias e pemes en 291 concellos. O investimento neste programa foi de máis de 600.000 euros, grazas a un acordo asinado a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural e do Mar, que a través de Agader, achegou o importe total das axudas.
Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios destas subvencións foron familias e empresas con enderezo en Galicia que non puidesen dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Aos solicitantes sufráganselles os gastos de instalación e o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír o sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes é gratuíto para os beneficiarios. A práctica totalidade dos beneficiarios solicitaron servizos de internet de 20 Mbps.
Zonas con maior demanda
Das 2.537 solicitudes realizadas desde 2012, a maioría corresponden as provincias da Coruña e Lugo con 969 e 802 respectivamente. Por comarcas, a Terra Chá é a que concentra o maior número de solicitudes con 213 nas tres convocatorias, seguida da comarca de Lugo con 155. O concello no que se solicitaron máis axudas foi o de Guitiriz, con 52, seguido de Lugo e A Pastoriza con máis de 40. Fóra da provincia de Lugo, Muros e Ourense son os municipios que concentran máis axudas con preto de 40 cada un.