A Xunta incide na importancia da sensibilización e prevención da violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade.

  • A titular de Igualdade asistiu ao Encontro Provincial de mulleres con discapacidade: saúde e alimentación, organizado por ACADAR
  • Susana López Abella destacou a importancia de seguir apoiando e traballando conxuntamente con todas aquelas entidades que loitan activamente contra a violencia de xénero 

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella incidiu que é fundamental seguir apoiando e traballando conxuntamente con todas aquelas entidades que loitan activamente contra a violencia de xénero contra as mulleres, e especialmente con aquelas que teñen algún tipo de discapacidade.

Susana López Abella asistiu ao Encontro Provincial de mulleres con discapacidade: saúde e alimentación, organizado por ACADAR, onde relatou que segundo o IGE, na nosa comunidade hai 146.627 mulleres con algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial, polo que indicou que o recoñecemento da diversidade supón convivir nun mundo que garanta a Igualdade de oportunidades para todos e todas considerando as diferenzas, pero sen abandonar a perspectiva de que as persoas con discapacidade comparten obstáculos e dificultades co resto da cidadanía.

Boton_Seccion_Violencia_GalNo ano 2010 aprobouse e púxose en marcha o primeiro plan de acción integral dirixido ás persoas con discapacidade de Galicia, como novo marco de actuación do goberno galego para o período 2010-2013, co fin de que as galegas e galegos con discapacidade gocen dunha cidadanía plena e participen activamente na vida comunitaria ata conseguir a súa inclusión en todos os ámbitos.

Unha vez rematada a vixencia do antigo Plan, a Xunta está a elaborar a Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, segundo indicou a secretaria xeral, unha actuación que non se limita á elaboración de plans, programas e actuacións exclusivamente dirixidos a persoas con discapacidade senón que traballa por acadar día a día un cambio “cultural” da acción administrativa, para considerar a discapacidade nas accións de carácter xeral nos distintos ámbitos, desde unha perspectiva de atención integral dirixida a mellorar a vida das persoas con discapacidade, e no que a igualdade de oportunidades con carácter transversal está moi presente.

O acceso en condicións de igualdade e a permanencia no mercado de traballo son elementos fundamentais de desenvolvemento persoal que contribúen ademais á plena inclusión social das persoas con discapacidade, indicou López Abella.

Por este motivo, a Secretaría Xeral da Igualdade e Acadar asinaron o pasado mes de xuño un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa de sensibilización e prevención da violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade. Ademais, para o mes de novembro está programada en Santiago unha xornada técnica sobre violencia e discapacidade dirixida a 100 profesionais de toda Galicia, onde se presentará un caderno artístico sobre a violencia contra as mulleres con discapacidade que servirá de ferramenta sensibilizadora e formativa para toda a cidadanía.

Ademais, como novidade dentro do convenio asinado no 2014 entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para o programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero e para as e os menores e outras persoas dependentes, se recolle a garantía de acceso ao programa de atención psicolóxica especializada para persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala. Ademais o Teléfono da Muller (900 400 273) é un servizo de balde, anónimo e confidencial, que funciona as 24 horas do día e ten cobertura para toda a Comunidade Autónoma.

Este recurso esta preparado para atender a persoas con discapacidade auditiva, a través do servizo Telesor, e conta cun sistema de teletradución a 51 idiomas facilitando que a comunicación se estableza na lingua empregada pola persoa usuaria. O Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero (CRI) de Santiago de Compostela, tamén contempla unha atención específica para mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero e está adaptado ás necesidades das persoas con mobilidade reducida.

Acadar
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia forma parte de la Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade. Foi constituída por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade galegas, de reivindicar o cambio social e ofrecer servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

A misión da entidade é promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida, facendo visible a interacción dos diversos factores que condicionan a nosa autonomía e nos sitúan nunha posición con maiores niveis de discriminación.