II Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte: 200.000 euros en axudas directas

  • O Concello apoia á hostalería de Monforte cun plan que destina 200.000 euros en axudas directas
  • O Alcalde, José Tomé Roca, presentou esta mañá o “2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte”, unha liña de axudas directas dotada cun total de 200.000 euros, ás que poderán optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte. Segundo os datos municipais, son 98 establecementos hostaleiros os rexistrados no Concello, polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 €
  • “Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021” destacou o Alcalde
  • Tomé Roca tamén salientou que “esta axuda de 2.000 euros por establecemento, é maior que a media das axudas da Xunta que oscilan entre 600 e 1.200 euros. Se fose necesario algún tipo de axuda máis, o Goberno Municipal será sensible coas necesidades do noso tecido produtivo”
  • O Concello simplifica ó máximo os requisitos para ter dereito ás axudas, tendo que presentar soamente dous documentos, o modelo de solicitude normalizado e a declaración responsable
  • O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas directas á hostalería será de trinta días naturais a partir do día seguinte ó da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), que se levará a cabo nos vindeiros días, na primeira quincena do mes de abril
  • “Con esta nova liña de axudas, o Concello de Monforte segue axudando ás empresas e ás familias, neste caso ó sector hostaleiro. Con esta axuda, chegamos a 1.2 millóns de euros en axudas distribuídas por este Concello por mor da Covid, o que representa un 8,5% do orzamento municipal, porcentaxe que no temos noticia que haxa alcanzado ningunha outra administración” subliñou o rexedor municipal

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou onte, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, un importante plan de axudas económicas destinadas ós negocios hostaleiros do municipio.

“A hostalería de Monforte volve a necesitar do noso apoio, e a través do 2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte que presentamos asegúrolles que o vai obter deste Equipo de Goberno. Trátase dun plan de axudas directas á hostalería que poñemos en marcha por para impulsar a actividade económica deste sector”, destacou o rexedor municipal.

Deste xeito, o Alcalde comunicou a posta en marcha dunha liña de axudas directas dotada cun total de 200.000 euros, ás que poderán optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte.

Segundo os datos municipais, son 98 establecementos hostaleiros, polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 euros, por iso dende o Concello estableceuse a partida en 200.000 euros.

“Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021” subliñou o rexedor municipal.

Esta nova liña de axudas ven motivada logo de que o Goberno da Xunta de Galicia establecese, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2021 as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que supuxo, dende o mércores 27 de xaneiro, o peche da hostalería, unha medida que estivo vixente, alomenos durante un mes, en moitas partes de Galicia.

Neste senso, o Alcalde incidiu en que “esta limitación á hostalería por parte do goberno do Sr. Feijóo non veu acompañada nese momento de axudas económicas que, dende o goberno autonómico se lle prometeran a este sector”.

Con estas novas axudas á hostalería dadas a coñecer hoxe, o Alcalde cumpriu o seu compromiso anunciado nos pasados días nos medios de comunicación, unhas axudas que teñen por obxectivo paliar os prexuízos que este peche, supuxo para os hostaleiros monfortinos.

 

Máis dun millón de euros en axudas por mor da Covid-19

Unha vez que o aspecto sanitario está en vías de control, sobre todo coa chegada das vacinas, que permiten ir camiñando cara á inmunidade de grupo, é preciso facer fronte as consecuencias económicas que se teñen producido e destinar fondos públicos para colaborar co tecido produtivo afectado pola crise.

“Como saben, non é a primeira vez que axudamos ó sector hostaleiro dende este Concello. No mes de maio de 2020 puxemos en marcha o Plan Reactiva Monforte, que repartiu axudas entre 1.211 empresas, autónomos e traballadores por valor de 543.000 euros, entre os que se atopaban os negocios hostaleiros de Monforte” recordou José Tomé.

Co Plan de apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte, posto en marcha no mes de xuño do pasado ano, o Concello axudou a 4.282 familias, repartindo bonos por valor de 270.275 euros, para gastar nos diferentes sectores económicos do Concello, entre os que se atopaba tamén a hostalería.

Do mesmo xeito, as axudas postas en marcha en Nadal a través de diferentes concursos dirixidos á cidadanía tamén supuxeron axudas ós comercios e á hostalería monfortinos por valor de 30.000 euros.

“Hoxe a hostalería de Monforte volve a necesitar do noso apoio, e a través deste Plan asegúrolles que  vai obter o apoio deste Equipo de Goberno” sinalou o Alcalde.

 

2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte

É este un plan de axudas directas á hostalería para impulsar a actividade económica deste sector no Concello de Monforte. Para elo, dende o Equipo de Goberno destínase unha partida total de 200.000 euros.

En concreto, concederase unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021.

Neste punto, o Alcalde subliñou que “esta axuda de 2.000 euros por establecemento, é maior que a media das axudas da Xunta que oscilan entre 600 e 1.200 euros. Se fose necesario algún tipo de axuda máis, o Goberno Municipal será sensible coas necesidades do noso tecido produtivo”.

Polo tanto, inclúense nestas axudas a aqueles negocios cuxa actividade se veu afectada pola orde de peche temporal da  Xunta de Galicia, en concreto a ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O  solicitante da axuda, non deberá ter débeda ningunha pendente co Concello de Monforte de Lemos. Este requisito verificarase de oficio pola Administración Municipal.

Con todo, a axuda poderá solicitarse igualmente, e irá destinada a compensar ou reducir a débeda que o titular do negocio hostaleiro teña co Concello, podendo recibir a diferencia se a cantidade debida fose inferior á axuda concedida.

O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas directas á hostalería será de trinta días naturais contados dende o día seguinte ó da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), que se levará a cabo nos vindeiros días, na primeira quincena do mes de abril. Se o último día de prazo coincide en sábado, domingo ou festivo, pasará ó día hábil inmediatamente posterior.

As solicitudes, que deberán dirixirse ao Area de Promoción Económica e Desenvolvemento Local do Concello de Monforte, poderán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello de Monforte ou de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello, incluíndo o correspondente modelo de solicitude normalizado así como toda a documentación que esta convocatoria require.

A idea do Equipo de Goberno é darlle a axuda a todos os hostaleiros, por iso a  concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia non  competitiva e a resolución das axudas realizarase por rigorosa orde de entrada. O prazo máximo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres meses a contar dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Deste xeito, o Concello de Monforte vai simplificar ó máximo os requisitos para ter dereito ás axudas, tendo que presentar soamente dous documentos:

  1. Modelo de solicitude normalizado.
  2. Declaración responsable.

“Con esta nova liña de axudas”, salientou o Alcalde, “o Concello de Monforte segue axudando ás empresas e ás familias, neste caso ó sector hostaleiro. As axudas que levamos mobilizado ata agora supoñían arredor de 1 millón de euros, o que significaba máis dun 7% do noso orzamento, porcentaxe que no temos noticia que haxa alcanzado ningunha outra administración. A título de exemplo, podemos comprobar que este mesmo ano a Xunta de Galicia está falando de destinar axudas do 1% do seu orzamento, cando nós destinabamos máis do 7%, concretamente o 7,35% do noso orzamento. Con esta nova axuda, chegamos ó 1.2 millóns de euros, o que representa un 8,5% do orzamento municipal.”

José Tomé concluíu a súa intervención reafirmando que

este Equipo de Goberno segue demostrando o seu compromiso decidido cos nosos veciños e coas empresas de Monforte, neste caso de hostalería, a través de axudas áxiles, directas e efectivas que teñen por obxectivo paliar as dificultades económicas derivadas da crise sanitaria da Covid-19. E mentres sexa necesario, este Concello seguirá destinando todas aquelas partidas económicos e servizos que sexan necesarios para axudar ó tecido social e empresarial de Monforte.