Herikberto Quesada inventa especies a través da pintura e da escultura

1 2015 Expo Quesada

 

“O meu é un traballo conceptual inspirado na evolución das especies ou de posibles especies que me sirve para expresarme artisticamente en formatos que van dende a escultura, a pintura ou o traballo dixital”. Así se expresaba onte Herikberto Quesada na presentación aos medios de comunicación da exposición “Creando especies”, que se pode ver no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación ate o vindeiro día 5 de abril.

Herikberto Quesada, representante dunha nova xeneración da familia Quesada, tan vencellada ao mundo da creación, trae ao centro cultural da Deputación o resultado de “vinte anos de traballo científico e biolóxico que me serve de base para crear, para inventar e facer arte contemporánea e de vangarda”. Neste mundo da bioloxía e da evolución “atopei un camiño inesperado, atopei un filón e eso no mundo das artes plásticas é algo moi difícil porque resulta moi difícil innovar e penso que eu, aquí, estou innovando, creando especies, algo que ninguén fixo antes”, dixo o artista na presentación.

O director do centro cultural, Francisco González, fixo especial fincapé no esforzo da institución provincial por recuperar para Ourense a un artista tan relevante e no feito de que o que se amosa nesta exposición “é arte, é creación artística ao cento por cento, non é unha cuestión de ciencia ficción senón un recurso para crear arte de maneira diferente e diferenciadora”. César Fernández, asesor cultural da Deputación, felicitou públicamente a Herikberto Quesada polo traballo  exposto e calificou a mostra como altamente “significativa e novidosa”, convencido de que vai ser un éxito entre os ourensáns.

A exposición “Creando especies” inaugúrase esta tarde, ás 20:15 horas e poderá visitarse ate o día 5 de abril.