Galicia pechou o mes de xuño cun total de 2.268 accidentes laborais

empleados de la construccionGalicia pechou o mes de xuño cun total de 2.268 accidentes laborais en xornada laboral, fronte aos 1.669 que se rexistraron no mesmo mes do ano anterior.

Do total dos accidentes, 2.235 foron accidentes leves, 29 graves e 4 mortais.

Por sectores os sinistros aumentaron nas seguintes porcentaxes: na pesca, nun 14,77%; na industria, nun 28,28%; nos servizos, nun 38,83%; na agricultura, nun 42,35%; e na construción, nun 49,74%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, aumentou un 33,02% en xuño deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Os aumentos segundo sectores foron os seguintes: na pesca, do 16,89%; na industria, do 26,54%; nos servizos, do 35,20%; na agricultura, do 44,40%; e na construción, do 46,34%.

De xaneiro a xuño
A sinistralidade laboral aumentou un 9,74% na primeira metade do ano, cun total de 12.214 accidentes laborais fronte aos 11.130 no mesmo período do ano 2014. Este incremento dos accidentes laborais non se produciu por igual en todas as provincias. Así, na Coruña foi do 3,71%; do 4,17% en Lugo; do 8,54% en Ourense; e do 21,13% en Pontevedra.

Con todo, cabe precisar que os accidentes mortais diminuíron neste primeiro semestre, comparado ao mesmo período do ano anterior, nun 9,38%, mentres que os graves o fixeron nun 22,58%

También te podría gustar...