Galicia e o Norte de Portugal alíanse para mellorar a situación laboral dos traballadores transfronteirizos

image_gallery (1)  

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou o pasado venres en Porto un protocolo de colaboración entre a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e os sindicatos da Eurorrexión a prol do emprego, unha das prioridades do actual Goberno autonómico.

Ademais de Rueda, participaron na sinatura o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento do Norte (CCDR-N), Emídio Gomes; o presidente do Consello Sindical Interrexional, Osvaldo Fernandes; e representantes sindicais de Galicia e Portugal.

O acordo de hoxe é un paso máis do camiño que Galicia emprendeu hai anos, xunto a veciña Portugal, e que o propio vicepresidente xa anunciou no Parlamento galego o pasado 10 de febreiro, durante unha comparecencia para informar sobre a situación da Cooperación Transfronteiriza e Interrexional na nosa Comunidade.

Así Rueda explicou que agora que as dúas rexións encaran a recuperación económica é máis necesario que nunca que a burocracia non tapone ningunha opción de emprego e crecemento. Nese obxectivo leva anos insistindo a Xunta con iniciativas como o “Ibermovilitas”, para fomentar a mobilidade laboral; a homologación dos títulos de FP; ou os Job Days, punto de encontro transfronteirizo entre empresarios e profesionais.

Cooperación para captar fondos

Ábrese unha etapa na que a cooperación transfronteiriza en materia de emprego será fundamental na captación de fondos europeos, na recuperación económica da Eurorrexión e, especialmente, no día a día das persoas que viven a ambos lados da raia. Unha etapa na que é imprescindible que as institucións reforcen a súa colaboración cos axentes sindicais.

Con ese obxectivo, asinase o convenio de hoxe, que supón un acordo explícito para desenvolver actuacións para a eliminación de barreiras á mobilidade transfronteiriza, impulsando políticas activas de emprego neste sentido.

Ademais, mediante este acordo ambas partes comprométense a promover accións de mobilidade transfronteiriza na Formación Profesional, a cualificación dos recursos humanos e a inserción profesional dos máis novos en zonas de fronteira.

Por último, o acordo supón un esforzo conxunto na creación de emprego transfronteirizo e na formación de carácter ocupacional nos sectores que xeren emprego nos dous países; así como un impulso á cooperación en materias de mutuo interese, como poden ser a industria ou a innovación tecnolóxica.