Feijóo anuncia unha nova liña de axudas para material escolar, que beneficiará o vindeiro curso entre 60.000 e 70.000 alumnos

image_gallery (2)

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte na Cámara galega que entre 60.000 e 70.000 alumnos contarán no vindeiro curso cun cheque de entre 40 e 50 euros para material escolar. “Imos seguir axudando aos que menos teñen e traballando polas familias en situación de vulnerabilidade, con dificultades económicas”, aseverou, ao que precisou que esta liña de axudas inclúese no Plan social contra a desigualdade económica.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo afirmou que a Educación é e seguirá a ser unha das prioridades do Executivo autonómico, salientando o esforzo e compromiso da comunidade educativa e da sociedade galega, “a través dos presupostos”.

Nesta liña, Feijóo lembrou que: 85.000 estudantes galegos teñen hoxe máis contidos en linguas estranxeiras no seu ensino público; Galicia conta con 220 centros plurilingües; 52.000 alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO están a formarse nunha contorna dixital; o alcance de Abalar esténdese xa a 2.300 aulas de máis de 500 centros educativos; e hai un 54% máis de prazas de formación profesional.

Así mesmo, salientou que a Comunidade conta con 10.000 novas prazas públicas de comedores escolares, “un 22% máis que cando chegamos ao Goberno”; “aprobamos un sistema para facilitar a gratuidade dos libros de texto ás familias con menos recursos e, hoxe, o 70% das familias galegas poden mercar os seus libros sen achegar un só euro do seu diñeiro familiar; e temos as universidades coas taxas máis accesibles de España, o que permite un aforro ás familias galegas de 20 millóns de euros cada ano”.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o esforzo conxunto permitiu que o fracaso escolar sexa 9 puntos menos que cando gobernaba o bipartito. E, resaltou tamén que, co obxectivo de que o 100% das aulas públicas sexan dixitais, este ano a Xunta investirá 11 millóns de euros para dixitalizar todas as aulas do terceiro ciclo de primaria e de educación secundaria; “e somos a primeira comunidade de España que está traballando no proxecto de contido de libros dixitais, para o que estamos investindo outros tres millóns de euros”.

Un concurso eólico avalado polas sentenzas do TSXG
Durante o Pleno, Feijóo referiuse tamén ás 12 sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalan a decisión do Goberno galego de anular o concurso eólico do bipartito; “un concurso –lembrou- cuestionado polo Consello Consultivo que dixo que tiña tachas de ilegalidade, polos propios membros do Goberno do bipartito e polos 55 recursos que ten aínda”, remarcou.

Diante desta situación, o responsable autonómico subliñou que o actual Goberno tomou a decisión de “derrogar o decreto, revisar o concurso e recuperar o tempo perdido”. “É dicir, cumprimos co compromiso de deixar sen efecto ese concurso con tachas de ilegalidade”, incidiu.

O titular da Xunta concluíu precisando que, na actualidade, o 83% do concurso eólico de 2010 está xa en trámite, cunha execución de 800 millóns de euros e a xeración de 1.800 postos de traballo. “E o canon eólico permitiu recadar 137 millóns que se están redistribuíndo nos concellos e na Xunta para facer, entre outras cousas, política social”, engadiu.

También te podría gustar...