Éxito de participación na cuarta xornada de ‘Vive o Castelo’ da fortaleza de Monterrei

image_gallery (1)A fortaleza de Monterrei acolleu o pasado xoves unha nova xornada do programa ‘Vive o Castelo’, a cuarta xa deste conxunto de actividades lúdico-culturais promovidas por Turismo de Galicia que están a dinamizar a contorna do castelo e a ampliar a oferta turística deste territorio.

Nesta nova xornada de ‘Vive o Castelo’ a fortaleza acolleu o programa Un Castelo de Conto desde as 20:30 horas cun gran éxito de participación. O programa desa xornada completouse coas visitas guiadas teatralizadas antes e despois da actuación desa xornada máxica na que os participantes puideron descubrir os recantos do castelo a través dos contos e da música.

A primeira actuación dun Castelo de Contos correu a cargo dos Quinquilláns, unha compañía especializada desde os seus inicios no teatro de rúa e infantil. Nos seus preto de 25 anos de traxectoria profesional, levan estreados espectáculos de teatro familiar e de adultos, pasacalles, animacións, espectáculos de rúa ou visitas teatralizadas.

A outra actuación da xornada a protagonizou Daboapipa, un grupo composto por Vero Rilo e Santi Prieto no que fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música. Daboapipa narran, cantan relatos, contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro.

O programa completouse coa actuación de Paco Nogueiras, un músico e actor que sempre estuivo ligaro ao mundo do teatro e a música. Este artista ven de publicar Brinca Vall, un libro-disco para ler, ver e escoitar no que se poden atopar un feixe de cancións para toda a familiar interpretadas nun amplo abano de estilos musicais: techno, rock, folk, reggae ou música electrónica.

Vive o Castelo
O programa ‘Vive o Castelo’ é posible grazas ao proxecto de rehabilitación levado a cabo no conxunto arquitectónico co obxectivo prioritario de revitalizar o mesmo para usos culturais e turísticos.

Trátase dunha programación cultural e lúdica que se compón de numerosas actividades para que toda a familia poida gozar desta acrópole, con variedade de propostas culturais que engloban desde o aspecto máis cultural, coñecendo o propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras.

O programa completarase cunha quinta xornada o próximo 20 de agosto no que terá lugar Música no Castelo. Os visitantes que se acerquen ata o castelo o próximo xoves poderán gozar de balde das actuacións de Guadi Galego, unhas das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia e de Guezos, unha banda de pop-folk ourensán que tamén traballa ritmos de rumba, rock, ska e reggae.

También te podría gustar...