EOI e Deputación de Ourense organizan o Foro Redepyme, un punto de encontro para emprendedores e empresarios

Redepyme

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» acolleu hoxe a celebración do Foro Redepyme, un evento que ten como obxectivo sensibilizar a emprendendores e empresarios sobre a importancia de aplicar a innovación e o networking ás iniciativas empresariais. O acto de clausura contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do director xeral da Escola de Organización Industrial (EOI) –pertencente ao Ministerio de Industria-, Fernando Bayón; do director xeral de Coren, Emilio Rial, e do asesor económico, Juan Verde. Previamente, o foro acolleu relatorios e talleres sobre Comunicación, Economía e Empresa nos que participaron, entre outros, o xornalista Fernando Ónega e expertos da EOI que asesoraron aos emprendedores nos ámbitos do márketing, as finanzas, a estratexia empresarial e a internacionalización. O acto de clausura estivo dirixido polo tamén xornalista Fernando Jáuregui e foi presentado polo director do xornal La Región, Xosé Pastoriza.

O presidente do goberno provincial destacou na súa intervención a importancia de iniciativas que favorezan a busca de oportunidades de negocio e citou como exemplo o Plan «Transforma Ourense», «unha ferramenta de apoio a emprendedores e empresarios que lles permite ter unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa co fin de determinar oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou, de ser o caso, o plan de mellora da súa empresa».

Manuel Baltar destacou que este foro foi unha das medidas anunciadas no pleno do debate do estado da provincia, no que anunciou ademais a sinatura do convenio do Plan Termal ou a constitución do Consello Termal, que mañá se formaliza en Laias. Tamén se referiu o presidente provincial ao importante traballo de colaboración que están a realizar conxuntamente Deputación de Ourense e Ministerio de Industria (a través da Escola de Organización Industrial) «para levar a cabo iniciativas a prol do emprendemento e a competitividade na provincia de Ourense».

O Foro Redepyme, realizado coa colaboración do xornal La Región, pretende estimular o emprendemento e a innovación. Así, os emprendedores tiveron a oportunidade de divulgar os seus proxectos a través da radio e da televisión, e mesmo puideron participar nun taller para desenvolver habilidades de comunicación. Outros temas abordados foron o desenvolvemento do talento e do espírito emprendedor, e a análise de temas como a «Xestión de impagos» ou «Emprendedores e medios de comunicación», relatorio que foi ofrecido polo xornalista Fernando Ónega.

Pola súa banda, o tamén xornalista Fernando Jáuregui falou do libro que ven de presentar, «1001 consejos para triunfar como emprendedor», un traballo que coordinou e que constitúe un manual para crear un negocio a partir dos consellos dun cento de expertos.