Premios Nacionales de Artesanía 2014A Consellería de Economía e Industria participa na celebración dos “Días Europeos da Artesanía”, desde hoxe, venres 27, ao domingo 29 de marzo, con diferentes iniciativas de promoción da artesanía galega na nosa comunidade. Trátase dunha iniciativa promovida en España pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta colabora por cuarto ano consecutivo, baixo o que terán lugar toda unha serie de actividades relacionadas co sector artesán.

Inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002, a convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Dez países tomarán parte este ano na celebración, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Reino Unido, Letonia, Suíza, Hungría, Portugal e España. As actividades que se organizan en Galicia son as seguintes:

Oficios en acción
É unha iniciativa de carácter participativo relacionada con oito oficios artesanais, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e a Asociación Galega de Artesáns, gañadora recentemente do Premio Nacional de Artesanía para Entidades Privadas. Este ano os talleres sobre os diferentes oficios artesanais instálanse nos Xardíns de Méndez Núñez (fronte ao quiosco Alfonso). Durante as xornadas do sábado e do domingo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, oito artesáns poñeranse á disposición do público para explicar cales son os procedementos básicos en cada un deles. Desta forma, o visitante poderá acceder a cada taller, intervir nas accións programadas, preguntar, e, por suposto, participar.

Inclúense talleres de cerámica de torno da man de Cerámica Unzueta (Brión) que presenta un programa demostrativo e moi participativo aberto a todos os públicos e, en particular, aos máis pequenos. O ceramista Nano Unzueta ofrecerá un percorrido práctico pormenorizado por todos os procesos de produción de obxectos no torno, dende a preparación do barro ata a montaxe final das pezas.

Tamén haberá espazo para pastas cerámicas, con Cerámic – chef, impartido por Terralume (A Coruña), unha proposta para descubrir como un oficio milenario como a cerámica emprega terras e minerais dos nosos solos, grazas a unha ampla variedade de pastas de distintas propiedades. A ceramista Susana González traballará con dous niveis de participación: sesións de catro horas para oito persoas previamente inscritas, que elaborarán unha bandexa- neriage e dirixirán a creación dun mural colectivo; e outro nivel dirixido a participacións puntuais.

Así mesmo, haberá un obradoiro de ourivaría tradicional dirixido polo taller Plata Nativa (Sada). Gustavo Helling propón tamén dúas fórmulas de participación, en ambos os dous casos para maiores de 15 anos: a primeira en sesións de dúas horas, segundo grao de habilidade, para catro persoas inscritas previamente e, a segunda, para participacións máis breves de ata 45 minutos. Os asistentes introduciranse nas técnicas básicas da xoiería e terán a oportunidade de realizar un obxecto de uso persoal.

A cestería contemporánea chegará da man da artesá Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), que acaba de resultar gañadora do Premio Nacional de Artesanía na categoría “Produto”, pola súa última colección. O taller permite tamén dúas posibilidades de participación: sesións de catro horas para catro persoas previamente inscritas e tamén sesións breves de 30 minutos. Será unha introdución aos tipos de cestería tanto con fibras vexetais como con tecidos.

O tallar de Vidreira chumbada será impartido polo artesán Polo Enríquez (A Coruña), que introducirá aos interesados nalgúns dos segredos desta complexa técnica secular. O seu programa inclúe tamén sesións de catro horas para catro interesados inscritos previamente e sesións máis curtas segundo a dispoñibilidade dos participantes.

Haberá arte floral a cargo de Beate Méndez, de Floriforma (Teo), que achegará os asistentes a este oficio tan meticuloso e detallista como espectacular. A artesá ofrece tamén dúas posibilidades para os interesados: sesións de dúas horas para un máximo de oito persoas inscritas previamente, a ta materializar unha proposta de certa complexidade, e sesións abertas de 30 minutos nas que os asistentes prepararán tamén unha peza completa.

Ademais, o artesán Xoán Manuel Tubío, de Outeiro de Rei, ofrecerá demostracións prácticas dos diferentes procesos de construción de instrumentos de percusión, de zanfonas e doutros instrumentos tradicionais, así como a posibilidade de elaborar algunhas mostras do noso rico patrimonio cultural: unhas tarrañolas para adultos ou sinxelos xoguetes sonoros para nenos de todas as idades a partir de cascas de noz.

Un dos obradoiros centrarase en tapiz 3D e xoiería téxtil macramé impartido por Tapices de Galicia (A Coruña). A artesá téxtil Josefina Sedes ofreceralle aos interesados dúas áreas de traballo diferentes: xoiería téxtil a partir de técnicas de micromacramé, Kumihimo (trenzado xaponés) e iniciación ao tapiz 3D sobre bastidores individuais prefabricados para tecer un pequeno tapiz con la de diferentes grosores e texturas. Os participantes poden traballar en sesións de catro horas, máximo oito participantes inscritos previamente, e achegamentos puntuais de unha hora de duración.

Portas abertas no taller de Susi Gesto en Santiago de Compostela
O sábado e o domingo, de 11:00 a 20:00 horas, a ourive Susi Gesto abre o seu obradoiro da zona vella de Santiago de Compostela ao público, durante os cales os asistentes poderán participar e traballar coa artesán nunha xornada habitual de traballo obradoiro, o que lles permitirá formar parte nos diferentes procesos de creación artesanal. A xornada, dirixida a un máximo de oito persoas inscritas previamente, distribuirase en dúas quendas, de mañá e de tarde.

Portas abertas no obradoiro de Carro Artesanos en Ourense
A artesá Paz Carro abre o seu taller especializado na elaboración de beléns, miniaturas e maquetas, para celebrar os Días Europeos da Artesanía. O taller estará aberto ao público o venres de 11:00 a 13:30 e o sábado e o domingo en horario de 12:00 a 18:00 horas, previa cita.

Portas abertas no obradoiro Olería Aparicio en Buño
Os días 27, 28 e 29 de marzo neste obradoiro de olería de Buño, os visitantes poderán presenciar demostracións en vivo, unha mostra das ferramentas e os materiais cos que traballan para elaborar as súas prezadas pezas e moitas actividades máis. O horario de visita é de 10:00 a 20:00 para venres e sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.

Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina webwww.diasdelaartesania.es.