Economía e Industria mobiliza 15 millóns para reforzar a colaboración cos concellos co obxectivo de impulsar a súa competitividade

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Consellería de Economía e Industria ven de poñer en marcha nas últimas semanas liñas de apoios que suman preto de 15 millóns de euros, para reforzar a súa colaboración cos concellos co obxectivo de impulsar a súa competitividade en diversos ámbitos: o sector comercial, o tecido industrial, e o aforro e a eficiencia enerxética.

No eido comercial, a Xunta está apoiando investimentos por máis de 7 millóns de euros en 107 municipios galegos, 48 centros comerciais abertos e 23 asociacións de praceiros. No primeiro caso, máis da metade da inversión destinase ás prazas de abastos e a súa contorna, mentres que o restante corresponderá aos espazos nos que se celebran os mercados tradicionais e ambulantes. Ademais, todos aqueles concellos que realicen melloras nas prazas contarán con iniciativas para a formación comercial, co obxectivo de aumentar a rendibilidade do punto de venta, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Tamén este ano se priman os proxectos que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

No caso dos centros comerciais e as asociacións de praceiros, os apoios enmárcanse no eido do impulso ao asociacionismo comercial, a través de preto de 500 actuacións como campañas de dinamización comercial, sistemas de fidelización ou melloras da sinalización comercial externa e mellora da competitividade. Nas prazas de abastos, impulsaranse as iniciativas relativas ás instalacións e equipamentos.

Estas liñas de axudas encádranse no Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destinará 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego. En total contará con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, a Consellería mobiliza un total de 6 millóns de euros en 69 proxectos, contribuíndo a xeración de postos de traballo e ao incremento da competitividade do tecido empresarial. Neste senso, apóianse distintas iniciativas que abarcan eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia. Na procura de facilitar os municipios o acceso a esta liña de axudas, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida, facendo accesible a posta en marcha des actividades que contribúan ao incremento da calidade destas infraestruturas.

Pola outra banda, o programa de iluminación pública exterior do Inega está orientado a mellora do aforro e da eficiencia enerxética dos concellos galegos, xerando investimentos por preto de 2 millóns. Os 24 novos proxectos que se desenvolverán contribuirán a diminución da factura eléctrica nun 70% coa substitución das instalacións, supoñendo un aforro equivalente ao consumo anual de 700 familias. Ademais do aforro enerxético, estas liñas servirán para evitar 1.600 toneladas de CO2 á atmosfera, e dicir, o equivalente á plantación de 80.000 árbores.

Cómpre salientar que, grazas a esta liña, nos últimos 6 anos máis de 235 concellos apostaron neste tempo pola eficiencia enerxética, xerando un aforro enerxético de 49.261.279 kWh, que se traduce nun aforro económico conxunto de máis de 7 millóns.