Economía e Industria destina máis de 500.000 euros á mellora da competitividade do parque empresarial de San Cibrao das Viñas

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas

 

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que desenvolve cada ano coas administracións locais, está a colaborar cos concellos na habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, a través deste programa téñense destinado, nos últimos cinco anos, máis de 500.000 euros ao impulso de distintas actuacións no parque empresarial da localidade ourensá que contribuirán á mellora da súa competitividade.

Deste xeito, explicou Bernardo Tahoces, facilitouse o desenvolvemento de distintas actuacións centradas na mellora dos seus viais, no impulso das novas tecnoloxías e na implantación dun sistema de videovixilancia. Así, so neste ano mobilizáronse máis de 325.000 euros nas infraestruturas do parque, aportando a Consellería o 80% do custo das actuacións.

Neste contexto, o director xeral de Enerxía e Minas resaltou a importancia dunha orde que desde o 2009 ten permitido desenvolver na provincia 50 proxectos que suman preto de 4 millóns impulsando a competitividade do tecido empresarial ourensán.

A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dáse así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzaron este ano ata os 120.000 euros.

Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permitiuse o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.

Grazas a este esforzo, sinalou Bernardo Tahoces, téñense beneficiado deste programa nos últimos anos 15 concellos diferentes da provincia de Ourense, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques co obxectivo de atraer investimentos empresariais.

También te podría gustar...