• Os edificios da Deputación de Ourense, protagonistas dos tours virtuais de Google
  • Pazo Provincial, Centro Cultural, Teatro Principal e Pazo de Vilamarín son os lugares promocionados a través desta nova ferramenta dixital, que incrementará a visibilidade destes centros emblemáticos
  • Manuel Baltar afirma que esta innovación tecnolóxica virtual “permite achegar á cidadanía, por medio de iniciativas enmarcadas no ámbito da “Provincia Intelixente”, un patrimonio que é de todos os ourensáns”
Fernando Sacó e Manuel Baltar

Fernando Sacó e Manuel Baltar

 

Os edificios da Deputación de Ourense como o Pazo de Vilamarín, o Teatro Principal, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e o Pazo Provincial, protagonizan os Tours virtuais de Google na provincia de Ourense, unha ferramenta de innovación virtual que foi presentada onte polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e polo fotógrafo certificado de Google, o ourensán Fernando Sacó. Baltar destacou que esta iniciativa, enmarcada no ámbito da “Provincia Intelixente” “incrementará á visibilidade desta parte importante do patrimonio de todos os ourensáns, unha ferramenta virtual que desde hoxe inclúe en Google percorridos de 360º por edificios emblemáticos, vencellados á nosa historia e á nosa cultura”.

O presidente provincial agradeceu a Fernando Sacó o traballo desenvolvido para amosar en Google “este percorrido virtual”, “que achega proximidade e accesibilidade aos cidadáns dos edificios da Deputación de Ourense”, un labor que, segundo Manuel Baltar, continuará no futuro con outras instalacións como o Pazo dos Deportes “Paco Paz” e a obra escultórica que acolle a Insua dos Poetas.

Fernando Sacó explicou que o obxectivo deste proxecto é “achegar a todo o mundo, a través da plataforma Google, as imaxes interiores e exteriores dos edificios da Deputación de Ourense e das zonas máis destacadas dos mesmos, por medio dun tour virtual de 360º, que aporta máis realismo que a fotografía convencional”.

Os tours virtuais de Google son unha ferramenta de Google Maps para que calquera persoa, en calquera lugar do mundo, poida ter unha experiencia “máis inmersiva” que cunha foto, xa que se utiliza unha secuencia de fotografías panorámicas esféricas de 360º que cobren todo o espazo que rodea á cámara e que seguen o percorrido que se indique. Baséase na mesma tecnoloxía que o coñecido “Street View”, onde se poden visitar millóns de lugares e rúas en todo o mundo cunha simple busca.

Estes tours virtuais, que serán incorporados á web da Deputación de Ourense cun enlace directo, permiten dar maior visibilidade e alcance por ser un produto de Google e mostrarse en moitas das súas plataformas.