Constituído o Comité de cooperación Deputación-Concello de Ourense

Constitución do Comite de Cooperacion Deputación Concello

 

O Pazo Provincial acolleu hoxe a reunión constitutiva do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense, órgano único das súas características no que atinxe á colaboración interinstitucional en España e que ten como obxectivo dinamizar e optimizar os proxectos de interese común para a capital e a provincia, “nesta nova etapa de diálogo e colaboración na que se abre unha nova dimensión política onde a cooperación debe ser máxima polo ben da cidadanía ourensá”, afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, ao remate da reunión.

Acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, á saída da xuntanza o presidente da Deputación explicou que nesta estratexia de cooperación cos concellos da provincia a capitalidade ten un peso específico “e por iso o comité de cooperación reunirase aló menos unha vez ao mes para facer seguimento das políticas que imos poñer en marcha de maneira conxunta”.

Na reunión de hoxe participaron por parte da Deputación de Ourense o presidente Manuel Baltar, o vicepresidente 2º, Jorge Pumar; a deputada Consuelo Vispo; o vicesecretario, Juan Marquina e a técnica Eva Reza. Por parte do Concello de Ourense asistiron o alcalde, Jesús Vázquez; o concelleiro José Araujo, e as técnicas Ángeles Cantón e Marta Míguez.

Manuel Baltar dixo que a base “é compartir toda a información e ter unha cooperación máxima e absoluta dispoñibilidade das dúas institucións, e na axenda de colaboración entran cuestións que xa estamos a realizar como é a mellora dos accesos as contornas termais e moitos outros asuntos relacionados con infraestruturas, temas sociais, de medio ambiente, deporte, cultura, sostibilidade e fondos europeos”. O presidente provincial amosou a súa “máxima satisfacción” polo comezo desta nova andaina de colaboración “que non ten límites”, e agradeceu a presenza do alcalde de Ourense no Pazo Provincial nesta primeira xuntanza. Baltar detallou como exemplo que en temas culturais o comité estudará a posta en marcha dunha axenda cultural tanto para coordinar os eventos como os espazos e centros de ámbalas dúas institucións.

Manuel Baltar salientou tamén que no Plan provincial de obras que aproba a Deputación anualmente e que destina cada ano un orzamento similar para cada concello con independencia da súa poboación, “por primeira vez na historia o dito plan incluirá tamén ao Concello de Ourense para que poida realizar a obra, o proxecto ou a infraestrutura que nos plantexe”.

Esta cooperación –en opinión de Manuel Baltar- terá especial incidencia nas cuestións que afectan á estratexia de desenvolvemento urbano sostible da Deputación, unha visión estratéxica de provincia coa vista posta nos fondos comunitarios para que teñan en conta os catro grandes proxectos nos que estamos a traballar: o Plan “Ourense, a provincia termal”; da creación da primeira Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente en España; do Plan de Cometitividade para as Pemes da provincia, cunha especial vocación cara á internacionalización das que teñen presenza nos mercados internacionais, e o proxecto de “Provincia Intelixente” e Administración Electrónica que ten en conta as novas canles de comunicación cidadá e que lle da o protagnismo que merece aos cidadáns da capital e da provincia de Ourense.

Pola súa banda, Jesús Vázquez destacou o “efecto sinérxico” desta canle de colaboración “porque as dúas institucións nos necesitamos e estamos aquí para dar servizo aos cidadáns. É positivo que as administracións nos acostumemos a traballar en conxunto para compartir espazos, iniciativas e proxectos”.