Celebración dos días da Poesía, da Auga e da Árbore, na Ínsua dos Poetas

1 1 1 2015 Da da Poesa

 

A Ínsua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño) foi escenario hoxe dunha emotiva homenaxe que conmemorou os días da Poesía, da Auga e da Árbore. Discursos para poñer en valor a importancia da palabra e de defensa do noso medio natural, unidos á lectura de poemas de Rosalía e Pondal, por parte de alumnos dos colexios «Vila do Arenteiro» e «Sagrado Corazón», do Carballiño, conformaron un acto cargado de Ourensanía que o presidente da Deputación de Ourense definiu como «o futuro», en referencia ás nenas e nenos que xunto cos seus profesores se deron cita hoxe na fermosa contorna de Madarnás, «na República Independente da Ínsua dos Poetas», como a cualificou Manuel Baltar.

«Con actos como este facemos Ourense –dixo Baltar-, porque honramos á palabra e tamén a auga, elemento importante nunha provincia como a nosa onde o termalismo está a xogar un papel fundamental de desenvolvemento, e onde tamén poñemos en valor ao noso medio natural simbolizado na árbore».

O presidente do goberno provincial, quen logo de clausurar o acto participou cos escolares na plantación de amieiros nunha zona da Ínsua, afirmou que Ourense «ademais de tradición está tamén á vangarda en moitas iniciativas, como a que hoxe a tarde presentamos no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e que situará esta semana á nosa provincia como referente nacional das industrias culturais e creativas: o OurenseICCWeek».

Xunto ao presidente provincial, no acto tamén participaron o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar; o secretario desta fundación, Xabier Castro, e os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, ademais doutros representantes institucionais e culturais.

González Tosar reivindicou protagonismo da palabra «para que ocupe un lugar principal nun día como o de hoxe, neste espazo libre, aberto, común e plural que é a Ínsua dos Poetas, onde falamos da conservación da natureza e de literatura como expresións dos seres humanos»

Anxo Lorenzo dixo que este acto «converte á Ínsua dos Poetas nun dos epicentros da creatividade galega», e afirmou que dende a posta en marcha deste proxecto, hai seis anos, «sempre destacou o seu labor por difundir a poesía e transmitir a idea de lingua baixo o concepto de liberdade de expresión». Pola súa banda, Xabier Castro deu lectura da Declaración de Irina Bokova, directora xeral da Unesco, no Día Mundial da Poesía.

O acto rematou coa interpretación por parte dos asistentes de «Ourense no solpor», a obra de Manuel de Dios que en outubro pasado foi aprobada pola Deputación de Ourense como Himno Oficial da Provincia de Ourense.