Cabecera-Diario-Oficial-Galicia_EDIIMA20121201_0107_13O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014. Trátase de axudas económicas en favor de emigrantes retornados, que teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo establecen as mesmas bases da convocatoria, “estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter simplemente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos”.

Aínda que as solicitudes poderán presentarse ata o 30 de setembro, a Secretaria Xeral da Emigración resolve cada petición de xeito individual, de maneira que un beneficiario non teña que agardar á extinción da convocatoria para poder percibir a axuda.

Requisitos
As persoas que queiran acollerse a esta liña de axudas deben ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España. Igualmente, cómpre que non teña transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución. Esíxese tamén que teña nacionalidade española antes do retorno, estea empadroado e teña residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, careza de rendas ou ingresos suficientes (computando como tales todo tipo de rendas, mesmo as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas na resolución), e tampouco posúa bens mobles ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido.

Na resolución explícanse polo miúdo os criterios para a baremación das solicitudes, que inclúen conceptos relacionados cos ingresos e recursos económicos da persoa solicitante, a súa situación familiar, os graos de discapacidade ou enfermidade, ou o feito de que sexa vítima de violencia de xénero, entre outras circunstancias. Así mesmo, a resolución tamén detalla a contía, pagamento e compatibilidade deste tipo de axudas.