As exportacións galegas acadaron no 2014 o segundo mellor rexistro da súa historia

image_gallery

 

Galicia acadou no 2014 o seu segundo mellor rexistro histórico en materia de exportacións. A Comunidade pechou o ano con 17.825 millóns de euros exportados, só por detrás do récord acadado en 2013 e preto dun 30% mellor que no 2009. Así o salientou hoxe en Bogotá (Colombia) o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, durante a viaxe oficial que está a desenvolver xunto ao presidente da Xunta co obxectivo de conseguir novas oportunidades negocio no exterior para o tecido empresarial galego.

“Aínda que se produce unha pequena baixada, Galicia mantén niveis de récord”, salientou Conde, ao contar cunha balanza comercial no 2014 que foi positiva en 3.330 millóns, o que a sitúa como a cuarta Comunidade autónoma con mellor saldo comercial. Da mesma maneira, a taxa de cobertura chegou ata o 123% fronte ao 90% da media nacional.

Os datos do Ministerio de Economía e Competitividade sinalan como eixos para o éxito exportador galego en 2014 as manufacturas de consumo e os bens de equipo, que rexistraron un incremento interanual do 4,7% e do 3,6% respectivamente. Ademais, se ben a automoción sufriu un descenso no pasado exercicio, o escenario para o futuro do sector presenta unha importante melloría coa consecución dos novos contratos de PSA – Citröen Vigo.

A boa marcha das exportacións en Galicia débese ao esforzo das empresas galegas, que teñen contado en todo momento co apoio da Xunta. Por este motivo, o Goberno galego vén de activar a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, á que destina 50 millóns de euros para os anos 2015 e 2016.

“Estamos a traballar cos sectores produtivos para seguir incrementando a nosa presenza nos mercados internacionais”, resaltou o conselleiro, e nese sentido, explicou, “o reto é seguir apostando pola innovación, pola diferenciación dos produtos, e pola internacionalización da nosa economía”.

Neste contexto, a Estratexia non só aspira a manter o crecemento das exportacións galegas, senón que busca facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos. Deste xeito, o obxectivo é incrementar a participación das exportacións no PIB da Comunidade ata acadar o 40% no ano 2020, aumentar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia, e ampliar o número de empresas exportadoras ata lograr as 8.000 no 2020.