Aprobado o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes de Viana

 

O Concello de Viana do Bolo ven de aprobar por unanimidade, no pleno celebrado o pasado día 26 de novembro, o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, levado a cabo pola oficina do Centro de Información ás Mulleres local.

O Concello de Viana do Bolo quere facer como eixe fundamental do seu traballo municipal unha aposta firme na loita pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, a grande lacra deste século. Este documento que agora se aprobou foi resultado, en primeiro lugar, da avaliación do II plan que abarcaba os anos 2010/2014, e das conclusións deste extraídas, e, en segundo lugar, do estudo técnico e actualización de información e redacción deste novo plan.
O persoal técnico do CIM foi o encargado durante estes meses de pandemia de por ao día este traballo a través da referida avaliación e da actualización de datos estatísticos do noso concello, en colaboración coas diferentes oficinas municipais, centros escolares, forzas e corpos de seguridade, etc., e da proposta de redacción do mesmo, a través dun fondo e concienzudo traballo de estudo e redacción. O obxectivo foi conseguir un terceiro plan realista e achegado á situación local.

O III Plan conta con catro grandes áreas:

a transversalidade de xénero cara toda a actividade municipal e as diferentes áreas deste Concello.

O empoderamento e a participación socio-política das mulleres de Viana. A conciliación persoal, laboral e familiar e a corresponsabilidade de todas as
familias da nosa vila. E, para finalizar, dándolle a presenza que merece, a loita contra a violencia machista que, neste ano 2020, xa asasiñou a máis de 76 mulleres, en España, 4 delas na nosa comunidade. 

Este Concello en xeral, e a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade en particular, quere apostar por ofrecer maiores e millores servizos á súa cidadanía e contribuír, desde o feminismo e a loita pola igualdade, a unha sociedade vianesa mellor para todas e todos. Este plan, de seguro, o vai facer, cumprindo así a obriga legal pero tamén facendo unha aposta firme para garantir a igualdade de todas e todos desde a política pública.

También te podría gustar...