O Inorde aposta por incrementar a oferta do turismo ferroviario na provincia de Ourense.

  • As Xornadas ao redor do proxecto “Estaciones Vivas” destacaron o papel do patrimonio cultural na revalorización do territorio.

Converter o patrimonio ferroviario de Galicia nun recurso turístico que axude a xerar emprego e facilite a desestacionalización do sector e ofreza novos destinos para un público cada vez máis interesado en alternativas de calidade foi unha das conclusións coas que se pecharon as Xornadas Ferroviarias que o Inorde organizou na estación de Baños de Molgas, entorno á proposta do patrimonio ferroviario como tractor de produtos turísticos culturais.

A sesión do venres foi iniciada polo vicepresidente da Asociación Europea de Ferroviarios, Julio Álvarez Rodríguez, que puxo o acento no modelismo ferroviario. “Centro de atención de decenas de miles de afeccionados en toda Europa, este sector, ademais de ser altamente tecnolóxico xera emprego e unha disposición favorable ao redor do mundo do ferrocarril”, asegurou Julio Álvarez.

Luis J. Cao e José Manuel Rodríguez nas Xornadas Ferroviarias

Luis J. Cao e José Manuel Rodríguez nas Xornadas Ferroviarias

Carlos Tavares, presidente de ASOFER, a asociación de Ourense, destacou o papel tan importante que teñen as asociacións de amigos do ferrocarril de España, aproximadamente dun centenar, na preservación do patrimonio ferroviario. “Un patrimonio cultural e industrial que, sen lugar a dúbidas pode ser logo reusado no desenvolvemento de produtos turísticos de gran alcance, como son o caso do “Tren da Fresa”, o máis veterano dos trens turísticos con material ferroviario de época, os trens de luxo como o “Al Andalus”, que ten a súa orixe na rehabilitación dos antigos coches Pullman tanto dos ferrocarrís Andaluces como do mítico Orient Express”, explicou Carlos Tavares.

A historia da gastronomía vinculada ao mundo do tren, foi o tema que abordou o xornalista Francisco J. Gil, recordando como viaxar e comer son dous verbos que se conxugan case en paralelo dende o inicio da historia do ferrocarril e o tren convértese no primeiro difusor da gastronomía local e dos produtos quilómetro cero, “un aspecto que volve a renacer en Galicia gracias á explotación dos trens turísticos”, destacou Francisco Gil.

E no referente aos trens turísticos, o xefe da línea de Trens Turísticos de Renfe, Luis José Cao López, destacou “a gran aceptación que estes produtos, turísticos e ferroviarios a un tempo, están a ter no público, o que se evidencia co cheo que están a ter”, e engadiu, “o tren ten un papel importante, posto que os mesmos produtos, se fosen co autobús como medio de transporte fracasarían”.

As Xornadas foron clausuradas, na parte expositiva, cunha mesa redonda sobre o papel que o patrimonio ferroviario xoga no desenvolvemento dos recursos turísticos e culturais do territorio. Nela participaron todos os responsables das ponencias desta xornada e da do día anterior, ademais da xerente do consorcio turístico Ribeira Sacra, Alexandra Seara Sobrino, e o xerente do departamento de protección do patrimonio da Fundación dos Ferrocarrís Españois, Miguel Jiménez.

Durante a mesa redonda fíxose un repaso ás experiencias desenvolvidas ata o momento cos trens turísticos e os proxectos “Estaciones” e “Estaciones Vivas”, destacando o resultado altamente positivo que tiveron para o territorio. Ao mesmo tempo realizáronse propostas complementarias que incrementen a oferta actual e que axuden a que a súa duración no tempo se prolongue máis alá da tempada actual.

Entre o público asistente, preto dun centenar de persoas, estiveron un gran número de alumnos do Master de Turismo do Campus de Ourense.

As Xornadas comezaron o xoves coa intervención de José Paulo Dantas, en representación da Cámara Municipal de Viana do Castelo e José Manuel Rodríguez, xerente do Inorde, que explicaron con detalle tanto o proxecto “Estaciones Vivas”, como o seu predecesor “Estaciones”, co que se logrou a rehabilitación de 6 estacións da provincia de Ourense e o funicular de Santa Luzía en Viana do Castelo.