Antonio López gaña o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2015 da Deputación de Ourense

O xurado ditaminou outorgar o galardón ao seu traballo titulado La madre de todas las vacunas,publicado no xornal La Opinión, referido á figura de Isabel Zendal, a única muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación 

O xurado destaca da obra premiada a gran calidade desta reportaxe histórica, a actualidade e o interés social que ten un tema como o das vacinas

Reunión.xurado.xornalismo.premio.carracedo 2015

 

O xornalista coruñés Antonio López (Antonio Alfredo López Mariño, Boente, Arzúa, 1951) é o gañador do premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2015, dotado con 3.000 euros, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido en 1988.

O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, ditaminou conceder por unanimidade o galardón a Antonio López polo seu traballo titulado La madre de todas las vacunas, publicado no suplemento dominical do xornal La Opinión, da Coruña, referido á figura histórica de Isabel Zendal, a única muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación.

O xurado destaca da obra premiada “a gran calidade desta reportaxe histórica, a actualidade e o interés social que ten un tema como o das vacinas”. Ademais, fai constar “o gran traballo de investigación realizado por Antonio López, a coidada presentación e a boa estrutura da reportaxe”, así como “a descuberta que o autor fai dun personaxe histórico como é Isabel Zendal Gómez”.

Antonio López é xornalista. Leva dende 1970 desenvolvendo o seu labor profesional, que comezou no xornal El Ideal Gallego, para pasar posteriormente á revista galega Teima, o Faro de Vigo e a Televisión de Galicia. Tamén traballou durante nove anos como profesor universitario en Irlanda e Francia, e na actualidade é colaborador do xornal La Opinión.

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Avelino García Ferradal, estivo integrado por Emma Torres Romay, Luis Menéndez Villalva, Xosé Ramón Pousa Estévez e Xosé Manuel Pereiro Sánchez actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez.

A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.

También te podría gustar...