Actividades formativas gratuítas on-line en Sober

  • O alcalde vén de asinar un convenio con Foro de Formación y Ediciones S.L. para publicitar os cursos gratuítos dispoñibles
  • Este mes de decembro hai 38 cursos a disposición das persoas interesadas, aos que seguirán novas propostas nos meses sucesivos

 

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, vén de asinar un convenio de colaboración con Foro de Formación y Ediciones S.L. para a difusión de actividades formativas dirixidas a traballadores ocupados, parados, autónomos ou en situación de ERTE. Este mes de decembro hai 38 cursos a disposición das persoas interesadas, aos que seguirán novas propostas nos meses sucesivos.

O Goberno local subscribe este acordo co propósito de mellorar as competencias profesionais e a inserción laboral dos veciños e veciñas a través da realización de actividades formativas online de carácter gratuíto enmarcadas no ámbito da formación profesional para o emprego.

O Concello de Sober comprométese a divulgar e publicitar as accións formativas pactadas co Centro de Formación entre os colectivos de traballadores que cumpran cos requisitos de matriculación. O Centro é o encargado de impartir as actividades, de carácter subvencionado, e de expedir os correspondentes diplomas.

Os cursos que se ofertan este mes de decembro pódense consultar na web https://www.forodeformacion.org/cursos-gratuitos/ . Os sectores sobre os que xira a formación teñen que ver coa agricultura e gandería, sector de industrias de alimentación e bebidas, sector da construción, de servizos medioambientais, sociosanitarios ou relacionados coas novas tecnoloxías, entre outros. Teñen unha duración de entre 20 e 210 horas, en función do curso.