AmtegaActividade sobre ‘Posicionamento social’ no proxecto da Amtega ‘Faite Dixit@l!’, achégase ao GDR ‘Adercou’ na comarca de Ourense.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través do proxecto ‘Faite Dixit@l!’ de capacitación tecnolóxica, inicia o luns 3 de novembro, no municipio de Barbadás (Ourense), un conxunto de actividades de formación destinadas a colectivos especialmente sensibles ao risco de exclusión tecnolóxica.

Co título de ‘Posicionamento Social’, un grupo de 12 persoas que forman parte do programa de inclusión en materia de emprego da asociación ADERCOU, recibirán nocións fundamentais en materias relacionadas co márketing en liña, o correo electrónico e a venda a través de internet.

Durante as 25 horas da actividade, que terá lugar na aula equipada para a realización de accións de carácter dixital do Centro Empresarial Transfronteirizo –CET- do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR)10, os participantes compartirán un temario que inclúe aspectos como a definición de marca persoal, a importancia do branding na sociedade da información, o posicionamento da marca e a reputación dixital, ou o ebranding e a visibilidade da marca persoal en internet. Todo iso no contexto das novas tecnoloxías da información e a comunicación como base para a mellora das opcións de empregabilidade.